Otero: «A tempada do Alondras é moi boa, pero agora chega o exame»

x. r. c. VIGO

VIGO

M.MORALEJO

O adestrador admite que o ano faise logo polos paróns pero ve ó equipo desexando competir

28 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Alondras principia domingo o play off de ascenso a Segunda Federación nun ano atípico onde tivo que estar parado seis semanas contando os tres recesos. Malia a todo, Jorge Otero Bouzas (Nigrán, 1969) considera que o seu equipo está asinando unha gran tempada e agora chega o exame final. O Estradense é o primeiro rival a eliminatoria directa sen penaltis (en caso de empate ó remate de prórroga, pasará o Alondras) por acadar un posto na nova cuarta categoría do fútbol español o vindeiro curso.

-Como están para o play off?

-Moi contentos e con moitas ganas despois de tanto tempo por ese corte polo tema da covid. A xente está concienciada, preparada e con moitas ganas de empezar o partido do domingo sabendo que imos ter un rival diante moi complicado que fai as cousas ben. A nosa idea é a de sempre, gañar ou pasar a eliminatoria.

-Ser locais mete máis presión ou é un aliado?

-A min gústame xogar na casa aínda que non sei canto é de determinante. É un plus que é importante e iso espero que nos sirva e sexamos aínda máis competitivos do que estamos sendo. A tempada do equipo está sendo moi boa, pero agora chega o exame. O máis difícil, pero tamén o mellor e o máis bonito.

-Pensan no ascenso ou só na primeira eliminatoria?

-Eu son de pensar no presente, no seguinte partido, non ten sentido mirar máis aló. Queremos chegar o máis arriba posible e pelexar ata o último minuto, pero iso pasa por gañar o domingo e logo pensar no seguinte. As nosas forzas están centradas no Estradense, que é un gran rival que nos complicou en todos os partidos moito.

-Que destaca do Estradense?

-Como bloque é un equipo moi dinámico, que sae moi rápido nas transicións defensa-ataque, aproveita moi ben eses espazos que o rival concede, é moi profundo e non ten moitas perdas nin en medio campo nin en campo rival, intenta finalizar para volver a rearmarse. Alberto Mariano teno moi ben traballado e a min paréceme un gran rival.

-E se pasan, a esperar polo confinado Choco, que ten que xogar a súa eliminatoria.

-Temos que esperar o resultado do Somozas-Choco.

-Isto parece o conto de nunca acabar.

-Estase facendo moi longa a tempada con estes parón. Nós levamos como seis semanas parados entre os problemas que tivemos nós, logo o tema do Somozas, agora o Choco... É o que hai, e debemos adaptarnos e non despistarnos. Temos que conseguir que o grupo estea metido e creo que iso estámolo conseguindo, que somos todos conscientes do que hai pero non podemos despistarnos o máis mínimo e non desviarnos do que temos entre mans, que é un reto para pelexalo ata o final.

-É o máis complicado ter o equipo enchufado ata o final?

-É difícil, pero temos un equipo con xente veterana, con xente que xa pasou por este tipo de situacións, por estes partidos importantes, de eliminatoria e creo que iso nos dá un plus e fai que xente máis nova estea metida. Penso que non imos notar ese parón porque, ademais, o equipo adestrou moi ben, sempre concienciado do que quedaba e iso para min é importante.

-Ten baixas para o domingo?

-A de Brais, que está cun nocello amolado, non creo que chegue. Polo demais, están todos dispoñibles.