A loita, principio e fin existencial

Xosé Ramón Castro
x. r. castro VIGO / LA VOZ

VIGO

M.MORALEJO

Logo duns inicios nada prometedores, Pablo Pintos destacou no tapiz e agora na xestión deportiva

03 nov 2020 . Actualizado a las 01:46 h.

Pablo Pintos entrou en contacto moi cedo co seu deporte, que anos despois tamén sería a súa vida profesional. Pero o normal é que xa abandonara de cativo. «Botei tres anos sen gañar un só combate e teño que darlle as grazas ós meus pais por manterme», lembra. Hoxe é o director deportivo da Federación Galega de Loitas Olímpicas e o seleccionador español sub-23 da disciplina, ademais de adestrador do Club de Loita Lugo. E un dos responsables de que este deporte pasase en Galicia de 45 licencias a preto de 2.000. Por apostar polo profesionalismo e polos colexios como porta de entrada. Incluso nestes tempos da pandemia son uns avanzados no deporte seguro coa implantación dos dummies (bonecos).

Foi en primeiro de EXB cando este vigués nado no ano 1978 entrou en contacto coa loita e fíxoo tendo como profesor a Alfredo Marcuño, olímpico na disciplina en Seúl 88. Os seus inicios non foron nada prometedores e admite que seguramente o quixo deixar en máis dunha ocasión, pero resistiu e tres anos despois, todo cambiou. «Logo non se me deu nada mal», comenta mentres lembra que foi campión de España en todas as categorías, foi internacional e estivo en varios campionatos do mundo, entre eles sendo o primeiro galego con Diego Villanueva nun mundial cadete en Illinois no ano 1996.

Ós 25 anos decidiu deixar a competición e tomou a decisión que marcaría a súa vida: entrar na xestión da Federación Galega logo de rematar os estudos de INEF e de facer un máster en xestión e en dereito deportivo. «No ano 2006 decidimos coller a Federación e darlle unha volta porque non quedaba nada. Igual había 45 licencias e eramos os mesmos os que montábamos o tapiz, os que faciamos de augadores, cronometradores, competidores... aquilo era todo moi residual». Hoxe achéganse os 2.000 federados.

O motivo reside na expansión do seu deporte con programa para os colexios denominados Xogaloita «que ten moitísima aceptación» e que responde a unha iniciativa que se facía noutros países de Europa «que teñen a loita olímpica moi vinculado ó sistema educativo». Tamén actividades de promoción financiadas a través das deputacións.

Outro aspecto moi importante foi a conexión directa coa Federación Española, unha vía que antes estaba morta. «Foi un salto cualitativo. Coa entrada de Nicolás Castro como seleccionador, abríusenos un contacto directo e a posibilidade de traer actividades estatais a Galicia». De feito, cada ano organizan un campionato de España e xa foron quen de traer un Europeo júnior a Pontevedra no 2019. Agora el mesmo forma parte desa conexión ó ser nomeado no 2016 seleccionador sub-23. «Un recoñecemento para todos os clubs galegos».

A cuarta pata do banco é a xestión. Dende o principio apostaron por profesionalizar a Federación como unha saída laboral e hoxe en día tratan de extrapolar ese modelo os clubs. «É o único xeito de que mellore o deporte, porque unha adicación residual non é a mellor opción. A nosa idea é profesionalizar o deporte, que a xente que está nesto poda dicir: ‘Merece a pena investir tempo porque podo vivir disto’».

O Círculo complétase desterrando os tópicos que poida ter como deporte de contacto. «Intentamos ser eufemista e falamos sempre de loitas olímpicas, non de loita, que pode ter unha mala connotación. Cando falas de loitas olímpicas falas do ideal olímpico e da transmisión de valores». Ademais lembra que a loita xa formaba parte da vida dos clásicos como Platón ou Aristóteles.

Aposta polos bonecos para evitar o contacto e chamada a abrir a man ós concellos

Da man de Pablo Pintos a Federación Galega de Loitas Olímpicas é unha das máis activas en promover o deporte seguro en tempo de pandemia ideando diferentes métodos, un deles é a loita con dummies (bonecos).

«Hai que reinventarse en buscar material alternativo, é caro, pero é unha inversión que dá sobre todo seguridade ós pais. Apostamos por un boneco sen contacto entre nenos e con máscara, e fanse así as proxeccións, os derrubos e as tarefas que tes que facer con él». Ademais aposta por reducir os tempos de combate. «O importante é ser un exemplo para a sociedade».

Do mesmo xeito pide confianza ós concellos e que abran as súas instalacións para que os deportistas poidan adestrar. «Pido confianza ós concellos, o deporte non é un foco de contaxio e os rapaces deben facer deporte con cabeza e con sentidiño».