Carlos Blanco: «O humor é máis necesario que nunca»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

BASILIO BELLO

O actor arousán e Oswaldo Digon chega a Vigo con «Quen dixo medo?»

22 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Que a xente veña que vai estar segura, porque de 900 localidades que ten o teatro imos cubrir 300, polo que van estar cómodos e seguros», advirte Carlos Blanco a quen queira rir durante hora e dez minutos nas dúas función que terán lugar no Teatro Afundación o venres e o sábado. O actor arousán chega a Vigo con Quen dixo medo?, acompañado polo cómico Oswaldo Digón.

-O título é unha declaración vital para estes tempos?

-Tiñamos previsto facelo antes da pandemia. Ten que ver con ter medo a improvisar e a xogar, porque ten como cinco partes, das que tres van súper niqueladas e dúas contan coa participación do público, que é quen elixe o tema. Empezamos a escribilo cando comezou o confinamento, e a cousa foi evolucionando e inevitablemente apareceu a pandemia no espectáculo. Son os medos, que agora están disparados, pero son os medos en xeral.

-Están xuntos no escenario?

-Si, non son monólogos, son textos feitos a dúo. Ademais é todo material novo, aínda que con algunha concesión.

-Dá respecto improvisar?

-Neso, o Oswaldo é un mestro e eu, o seu alumno. A clave é ir relaxado. Nesa parte quen manda é Oswaldo, e nas outras, son eu. Se o espectáculo dura hora e dez, aproximadamente, hai como vinte minutos de improvisación, o resto está moi traballado.

-O humor, nunha pandemia, tamén é unha válvula de escape?

-Agora, o medo é máis forte que a necesidade de rir, pero si sigue valendo. Nunca foi tan complicado facer humor, pero, tamén é certo que nunca foi tan necesario como agora. Eu escapo bastante da actualidade para irme a pura evasión e acudir a algúns dos meus referentes no humor. O problema é que agora o medo pode un pouco máis, moita xente me di que iría encantado a vernos pero que ten medo, aínda que nun teatro a xente está quieta, calada, separada e con mascarilla polo que é case imposible que alguén se contaxie. Pero si sufrimos este problema.

-Que lle reportou o papel de Laureano Oubiña en Fariña?

-Foi un trampolín marabilloso porque, por fin, nos deron papeis importantes. Eu notei moitísimo como de repente entrei no que propoñen as directoras de casting, e se acordan de ti. Pasei por La Unidad, Los favoritos de Midas, terminei hai nada unha comedia con Javi Gutiérrez e agora vou facer teatro a Madrid.

-Mostra nestes traballo papeis dramáticos, alonxados da comedia. Gústalle?

-Fóra de Galicia non me coñecen como humorista. Iso, a min non me importa nada porque me permite alternar. Gústame ser versátil, e creo que podo fachendear de selo. De feito, cando fixen Los reyes de noche, para Movistar, preguntáronme se fixera algunha vez comedia, e case me da un ataque de risa.

-Como ve o que está sucedendo agora coa cultura?

-Que en Galicia haxa auditorios de mil persoas que só admiten 60 é ridículo. Para iso, pecha o auditorio. Parece que o noso é máis prescindible. Como pensan que eu podo pagar aos meus empregados? Nós somos pequenas empresas, pero non se nos trata como tales, se nos dan esmolas e diso non se vive. Mellor era que se nos axude agora a pagar os alugueres disparatados que teñen os teatros, como é o caso de Afundación, por iso case ningunha compañía se atreve a facer teatro neste momento.