Salustiano Mato: «O BNG non odia a España»

Carlos Punzón
carlos punzón VIGO / LA VOZ

VIGO

Salustiano Mato, no seu laboratorio da Universidade de Vigo, cun cadro entomolóxico
Salustiano Mato, no seu laboratorio da Universidade de Vigo, cun cadro entomolóxico Oscar Vázquez

Non pecha as portas á política e recomenda ao Goberno de Sánchez e Iglesias «que se poñan todos a unha»

26 ene 2020 . Actualizado a las 18:19 h.

Vén de rematar un ano sabático, pero non dos contemplativos, senón dos aproveitados. Tomouno para poñer ao día varias investigacións, para transferir a empresas descubrimentos con posible desenvolvemento industrial e para asesorar ao Goberno central en materia universitaria e ao vasco en educación. «Son hiperactivo e non sei dicir que non cando se pode achegar», di Salustiano Mato (Santiago, 1960), anterior reitor da Universidade de Vigo, catedrático de Zooloxía, vicepresidente da Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas e secretario xeral dos reitores do sueste europeo.

Non para, case nin para posar para a foto no seu laboratorio entre animais disecados ou os insectos paralizados no tempo nos cadros entomolóxicos feitos polos estudantes. «Agora estou no backstage da educación, asesorando onde me chaman para tratar de achegar á universidade a á sociedade», explica tras oito anos levando o barrete de reitor e sete de vicerreitor de Investigación. «Son o pasado», subliña para que se lle afaste de calquera ansia de poder na universidade, aínda que no plano político, ao que se lle sigue vinculando para posibles postos no futuro, non é tan radical.

«Non lle pecho as portas a nada e xa fixen de sobra, pero na medida que poida axudar ao meu pobo, seguirei facéndoo», di Mato, que declinou ser candidato a alcaldía de Vigo polo BNG nas últimas municipais, decisión que non impide que o seu nome siga a xurdir cando se fan quinielas de posibles parlamentarios da próxima lexislatura... ou incluso conselleiros. «Nunca metabolicei os postos de poder. O que me interesa é ser catedrático, dar clase, gozar, ter plataformas para envorcar a experiencia, e non me importa que se saiba ou non», insiste para argumentar estar xa noutro plano distinto da política.

O día que gañou as eleccións a reitor da Universidade de Vigo, el 20 de mayo de 2010
O día que gañou as eleccións a reitor da Universidade de Vigo, el 20 de mayo de 2010 Oscar Vázquez

De cheo meteuse nela cando aceptou ser director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación na Xunta bipartita. «Chamoume o BNG, pero tiña moita complicidade co PSOE tamén», advirte. «So pedín ter competencias suficientes e sumei a I+D a innovación tamén, e aí quedou o plan de Investigación e Desenvolvemento que segue a ter unha vixencia absoluta e non está superado aínda», mantén cunha mestura de satisfacción, nostalxia e pena. «¡Tano, toca Galicia!», rememora que lle dixo o entón reitor Domingo Docampo para avalar a súa marcha á Xunta. «O mundo da política é moi duro, máis que ser reitor», advirte.

Para Salustiano Mato «na parte do BNG a xestión ía moi ben e a dereita viu que tíñamos o perigo de consolidarnos, e non o permitiron».

Acaba de presentar a candidatura de Ana Pontón á presidencia da Xunta e iso contribúe a que se lle volva a percibir unha mirada política. «Fíxenme máis nacionalista cando estiven en Estados Unidos», onde fixo o posdoutoramento nas universidades de Cornell e Rutgers. Para el, o Bloque volveu a recuperar a diversidade interna, onde se dan a man posicións políticas distintas e desapareceron os dogmatismos. Tanto que para el falar de nacionalismo galego e España non ten porque supoñer antagonismos. «O BNG non odia a España. Defendemos un proxecto de Galicia que está dentro de España e dentro da Unión Europea», asegura. Outra cousa, matiza, é como España ten tratado a Galicia.

Na súa etapa de vicerreitor de Investigación, no equipo de Domingo Docampo
Na súa etapa de vicerreitor de Investigación, no equipo de Domingo Docampo Oscar Vázquez

Desde a experiencia de ter formado parte dun goberno bipartito, Mato estima que a coalición de PSOE e Podemos «é boa para España», e recomenda aos dous partidos que «se centren nos denominadores comúns e teñan altura de miras. Todos a unha. Eu fíxeno así», di, aínda que recoñecendo que a relacións entre PSdeG e Bloque non foron as mellores posibles na Xunta.

Estima que esta vida basease en facer apostas, coma el fixo pola Universidade de Vigo no seu nacemento, cando puido ter quedado na de Santiago con praza en propiedade, ou cando se lanzou á pelexa polo primeiro decanato electo da Facultade de Ciencias en Vigo en 1991, ou cando loitou por obter fondos para a transformación organizativa das cadeas de montaxe de PSA. «Foi unha revolución que permitiu a Citroën fabricar máis dun modelo á vez, como o foi tamén a clusterización de sectores produtivos de Galicia que impulsamos desde a dirección xeral», engade para remarcar a súa obsesión pola rendibilidade dos investimentos e as investigacións. El mesmo ten tres patentes e persegue agora como combater os plásticos no solo e nos mares. En 1983 recibiu o seu primeiro premio de investigación a mans do entón presidente da Deputación de Pontevedra, Mariano Rajoy.

C

De onde vén

Na imaxe... cos seus catro irmáns. Salustiano Mato, con xersei vermello, aos seis anos, cando levaba a comida que lle daba a súa avoa para a casa das míticas Marías de Santiago. «Dábanme medo», recoñece. Os seus catro tataravós eran de Compostela e seu avó foi boticario da familia Bescansa.

Cal foi o seu primeiro traballo? Nas milicias universitarias no Exército, cando fun alférez primeiro no Ferral (León) e despois en Fuencarral (Madrid), para acabar no posto de Ibiza dos anos oitenta.

De que viaxe garda mellor recordo? Persoal, no 2007 polas illas da costa de Suecia. E profesional, a Nova York para traer a Vigo o pergamiño Vindel. Foi histórico.