«O machismo naceu co arado»

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

VIGO

MARTINA MISER

A violencia xeral e a mercantilización do sexo son factores que xogan contra a muller

18 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xosé Ramón Mariño Ferro (Castrofeito, O Pino, 1950) estudou en profundidade a simboloxía que na sociedade occidental rodea a muller e o home. Froito dese traballo é Imágenes de la mujer y del hombre; símbolos de sexo, seducción, matrimonio y género, unha obra enciclopédica que Ediciones Tea publicou o ano pasado. Unha das ilustracións que acompaña o libro recrea a pintura Caída de Adán, de Hugo van der Goes. «¿Velo? Aquí aparece unha serpe feminizada, que ao mesmo tempo é o demo. É tremendo, é unha das imaxes máis machistas que se poidan imaxinar. E hai centos delas. Na propia Capela Sextina, da man de Miguel Anxo. É o que eu denomino híbrido misóxino. Terrible».

-A Igrexa é misóxina.

-Ben, a misoxinia non a inventou a Igrexa católica, aínda que a mantivo. Na Grecia clásica eran mesmo máis machistas. Aristóteles sitúa a muller entre os escravos. Algo tremebundo. A muller en Grecia estaba pechada na casa, non saía nunca. Ás veces imaxinamos que iso só sucede no mundo musulmán, pero na nosa suposta tradición racional a muller tiña unha situación ben difícil.

-No berce da nosa civilización.

-Claro, por iso é importante ver en que sociedades se dá o machismo. Xurde nas sociedades de agricultores e gandeiros coa invención do arado, non antes. Antes do arado a agricultura está en mans das mulleres. Elas eran quen máis aportaban á economía familiar, máis que o home coa caza. Había igualdade. Na nosa especie, dende hai 200.000 anos ata hai 3.500, cando se inventa o arado, as mulleres estaban nunha situación de igualdade.

-Moitas veces semella que é algo innato á especie humana. Que existise dende sempre.

-A comparación con outras culturas é importantísima, porque demostra que iso non é verdade. Na sociedade de cazadores non existe o machismo. Sempre imaxinamos África moi machista. Pero resulta que entre os cazadores recolectores, estou pensando na tribo dos akan, o home é cariñoso, atende tanto os nenos como a muller, non se coñecen episodios de violencia machista, non existe. O que demostra que obramos como aprendemos. O ser humano distínguese porque amosa moi poucos comportamentos instintivos. O machismo, dende logo, non existiu sempre.

-¿Por que o arado? ¿Porque esixe máis forza física?

-Iso é. Implica unha certa forza física e, por primeira vez, o home encárgase da agricultura, que antes era cousa de mulleres e consistía basicamente na recolección. O arado supón un progreso técnico enorme, que coincide co nacemento das cidades e dos primeiros estados. Pero para a situación da muller é algo tráxico. Xorden as loitas polas terras produtivas, o home aprende a violencia e a ser guerreiro. Estes dous factores xuntos, a propiedade en mans dos homes e o nacemento da guerra, son funestos para a muller. Este factor, o da violencia, debería ser tido moi en conta polo feminismo.

-Falamos do seu nacemento, pero ¿ve vostede factible erradicar o machismo?

-O que falamos da evolución das sociedades de cazadores son datos admitidos hoxe por todos os antropólogos. Eu estudo a tradición, non a sociedade actual, así que e o que vou dicir agora é unha opinión persoal. Vivimos nunha sociedade moi violenta, que tende a solucionar os problemas de xeito violento. Pero ademais, o capitalismo, coma sempre tan sabio, está convencendo as mulleres de que venderse é ser modernas. O uso da muller como obxecto sexual, como unha mercancía, a súa valoración non como persoa con todas as súas facetas, senón unicamente polo seu aspecto sexual, é outro fenómeno que fai moi difícil erradicar a violencia machista e superar a desigualdade. Sen cambiar esas condicións, dificilmente cambiará nada.

-É unha conclusión brutal.

-Como a sociedade na que vivimos, especialista en crear marxinados sen importarlle discriminar a boa parte da súa poboación.