O nacionalista avoga por recuperar poboación e aumentar o solo industrial
27 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Xosé Manuel Rodríguez Méndez será o primeiro alcalde nacionalista das Neves. Natural da parroquia de Tortoreos, casado e con dous fillos, asumirá o cargo tras oito anos como concelleiro. A súa agrupación obtivo máis votos que no 2011, pero mantén os catro representantes. A porta do cambio ábrese tras a perda da maioría absoluta do PP, que pasa de seis a cinco concelleiros en beneficio do PSOE, que acada os dous.
-¿Sorpresa polos resultados?
-Non foi unha sorpresa, sabiamos que nos xogabamos o cambio e confiabamos nel. Tiñamos fundamentadas razóns para crer porque xa nas anteriores quedaramos perto. Agora quedamos a 60 votos do quinto edil e o PSOE conseguiuno con 30.
-¿Está planificado o pacto?
-O domingo só nos felicitamos. Tamén o alcalde nos chamou para felicitarnos. Pero a primeira reunión a temos aínda mañá. Creo que hai posibilidade de facilitar o cambio coa corresponsabilidade dos dous grupos pero imos sentar. Senón, tamén estariamos dispostos a gobernar en minoría.
-¿Cal debe ser ese xiro?
-A fixación da poboación con emprego e servizos é a única posibilidade de que o Concello das Neves rexurda. Necesitamos recuperar poboación tras anos de perda pola falta de oportunidades, así que hai que crealas. O propio Concello debe crear emprego coa actividade municipal, pero tamén hai que reactivar o turismo natural, que está sin explorar, e o gastronómico. Temos ademais que fomentar a creación de emprego cooperativo como a produción ecolóxica e apostar pola plataforma loxística.
-¿Cal é a súa postura respecto á Plisan?
-A administración non seguirá a rir dos veciños. Vaise pór en marcha porque niso vai boa parte do futuro laboral do noso Concello. Nós cremos e queremos, ademais, que o millón de metros cadrados das Neves que quedaron fóra do proxecto pola sentencia do Supremo poidan chegar a ser solo industrial. Perdéronse moitos anos. Xa no Plan Xeral de Ordenación Municipal de 1980 fíxose unha reserva de solo ao norte pero, 32 anos despois, seguimos sen solo empresarial. Non houbo suficiente visión para gobernar o Concello a 20 anos, gobernouse de forma miope. Hai empresas pendentes desa ordenación.
-¿Tres prioridades?
-Mellorar a función democrática celebrando os plenos os sábados para facilitar o aceso da poboación. Tamén queremos iniciar os trámites para ubicar noutro emprazamento a gardería municipal que agora está dentro do edificio do centro de saúde. A terceira é crear consellos parroquiais. Cada parroquia debe elexir aos seus representantes, non que o alcalde decida os pedáneos.
-O BNG denunciou o incremento de roubos
-Os roubos seguen a ser un problema de primeira orde, por algunha razón mal enfrontado. Hai moitos roubos. Hai un mes en Batalláns e agora en Rubiós.
-¿Ten proxectos para o xacemento arqueolóxico?
-O parque arqueolóxico das Neves está a desaparecer por infravalorado. A difusión é unha obriga do Concello e que sexa acesible, un posible recurso. Hai que establecer os convenios necesarios coas administracións competentes para a súa recuperación e a dos muíños. Nós necesitamos tamén ese reclamo porque é unha fonte de emprego.
xosé manuel rodríguez candidato do BNG e próximo alcalde das neves