Ademáis da manifestación do 8 de Marzo haberá unha festa ao día seguinte no Casco Vello
06 mar 2013 . Actualizado a las 23:22 h.A manifestación do 8 de Marzo discurrirá este ano baixo o lema A débeda dos gobernos é coas mulleres, non coa banca. Sairá o venres, ás 20 horas, desde a praza de Portugal ate a Porta do Sol, onde se lerá un manifesto. O mesmo día se celebrará ás 10 horas no Concello de Vigo unha sesión plenaria do Consello Municipal da Muller aberta ao público. Ademáis, pola noite, no transcurso dunha cea que terá lugar no Hotel Coia, o Consello fará entrega do premio Ernestina Otero, co que se recoñece a traxectoria, no eido da igualdade, a unha muller ou colectivo. O galardón será entregado este ano a Carmen Segurana, Impulsora do Movemento Democrático de Mulleres. As actividades continuarán ao día seguinte. O sábado ás 12.30 haberá un percorrido polo I Roteiro en feminino Sons de Mulleres, guiado por María Casar; e a partir das 20 horas na praza da Constitución, Festa pola Igualdade con música tradicional a cargo de Tanxedoras, soul con Aysha, blues coa cantante Sés e rap con Aíd. Ademáis, en colaboración coa Asociación Vigo Vello poderanse degustarse as «Tapas de igualdade» creadas para a ocasión. Tamén sigue aberto ate o día 8 un concurso de Tweets. Hoxe ás 00 horas, na Farola de Príncipe, está convocada a iniciativa independete Marcha das Basoiras, que barrerá o que se lle poña por diante.