O director do Marco ten toda a colección de discos do seu irmán, contrabaixista e compositor de jazz, pero confesa que o que lle gusta é a ópera e odia o xénero da música improvisada
18 oct 2010 . Actualizado a las 12:08 h.Iñaki Martínez Antelo é o director do Museo de Arte Contemporáneo de Vigo. Xacobe Martínez Antelo é contrabaixista e compositor de jazz. Os irmáns, aínda que se levan moi ben, non teñen aparentemente moitos puntos de conexión mais aló da obvia relación de parentesco.
Pero ao pouco de iniciar a conversa, xa temos a primeira ligazón: «Iñaki tiña un piano eléctrico en casa que deixou aparcado ao pouco de empezar a aprender, e eu, cos cartos que me deron ao vender o seu piano merquei aos trece anos o meu primeiro baixo eléctrico por 45.000 pesetas. E es foi o principio», revela Xacobe ante a cara de sorpresa de Iñaki, que tiña olvidado o detalle. «Pedinlle permiso aos meus pais», aclara. «Xa sei, o certo é que xa non me interesaba, Eu empecei moitas cousas e as deixei», replica o outro.
E chegamos a un novo punto de conformidade: «Nós éramos os únicos nenos que íamos a toda canta actividade cultural había. A miña nai nos levaba sempre», lembran.
Pero a partir de aí, os dous son conscientes dos abismos que os separan, o cal non impide unha fraternal compresión das diferenzas. As partituras das súas vidas son diverxentes, pero non discrepantes.
Iñaki é o maior, lévanse sete anos, e naceron os dous en Santiago, aínda que o director do Marco xa é case vigués tras cinco anos como director do Marco e un par deles máis antes como xefe de exposicións.
O director do Marco estudou Historia da Arte en Santiago e fixo o doutoramento en Madrid. Traballou primeiro no Centro Galego de Arte Contemporánea e no Auditorio de Galicia en Santiago, e en Casa Asia de Barcelona antes de chegar a Vigo.
Xacobe sempre tomou a música en serio, pero ten outra paixón, por iso fixo a carreira de Ciencias Políticas aínda sen deixar de lado o jazz, ao que se dedica de cheo. «A verdade é que nunca pensamos que fora a vivir desto», observa o seu descreído irmán instalado na súa pose de glacial displicencia cargada de humor vitriólico. O músico traballa en varias frontes. Ten hai dez anos o trío Sumrrá, ademais dun quinteto, un trío e un cuarteto co seu nome, formacións como Monkillos ou o máis numeroso e ambicioso, A Tribu, con sete músicos, e está vinculado ao teatro a través do grupo Chévere e a Sala Nasa.
A Iñaki non se lle pode criticar por non ser sincero: «Teño todos os seus discos, algúns aínda co plástico posto. Non me gusta o jazz, non soporto a improvisación, pero vou de cando en vez a ver ao meu irmán tocar en concertos. El tampouco ven a ver todas as exposicións do Marco», escúsase. «É verdade -admite Xacobe, que reside en Compostela, ten dous fillos e unha morea de formacións musicais-, non dou feito. Traballar na farándula fai imposible seguir a voráxine de exposicións do Marco», di. «Pero xa trouxo aos seus nenos aos talleres do museo», escusa agora o maior ao pequeno.
«Musicalmente nunca nos entendimos -recoñece Xacobe. Aos meus fillos lles gusta a ópera, pero non lla poño», afirma. «Regálolla eu», apostilla Iñaki seguindo a partitura deste partido de frontón fraternal.
Pero hai fusión final: «Eu creo que os dous valoramos moito as nosas profesións e compartimos unha ética e unha forma de facer as cousas ben. Iñaki é para min é un referente», afirma.
Brota a camaradería: «El exponse a si mesmo, eu expoño o quen fan outros, escollo o que se mostra ou non, pero son outros os que se mostran, non eu», argumenta. Logo, quérense. Non había dúbida.