«Antes só me vía capacitada para dedicarme é poesía»

La Voz

VIGO

Berta Dávila comezou escribindo unicamente poesía. «Víame máis capaz que para a narrativa», explica. Pero isto cambiou cando foi merecedora do Premio Biblos, no 2007, con Bailarei sobre a túa tumba. «Foi unha grande aprendizaxe e un privilexio contar co apoio dun mestre como Agustín Fernández Paz -o seu titor no desenvolvemento do proxecto-. Adquirín competencias que antes non tiña», lembra.

Bailarei sobre a túa tumba conta a historia dun grupo de xente nova. «En principio o tema non resultaba novidoso, por iso quixen apostar por unha voz narrativa concreta, indirecta libre, para darlle un toque orixinal», conta. Dávila di que non se inspira necesariamente na propia experiencia, pero si en cousas que lle «preocupan, interesan e motivan».

Berta continúa os seus estudos universitarios sen deixar de lado a escritura e en breve publicará un novo libro de relatos. «Gustaríame moito dedicarme profesionalmente á literatura, pero tamén quero comer e ter unha casa, así que non o vexo factible», ironiza.