Os franceses fuxen de Galicia. Somentes seis meses despois da súa invasión para conquistar o reino, os dous mellores exércitos de Napoleón, comandados polos mariscais Ney e Soult, abandonan o país ante a insurrección xeral. A Reconquista de Vigo abriu o camiño da victoria galega que se confirmou en Pontesampaio.
Na singular obra Vitorias, conquistas e reveses dos franceses de 1792 a 1815 , resúmese a situación: «O mariscal Ney non foi tampouco máis afortunado no seu proxecto de reducir a insurrección galaica; logo de adiantarse en dirección de Vigo, intentou pasar o Soto-Maior (sic) pola ponte de Sampaio, e foi rexeitado pola división do Corpo de la Romana, ás ordes do xeneral Morillo. Entón foi cando sentiu a necesidade de evacuar a provincia, onde xa non se consideraba o bastante forte para se soster».
Gómez de Arteche atopa xustificación á retirada francesa, baseada en que perseverar no avance puidese rematar no esmagamento total do exército de Ney. Lembremos que este fora deseñado especialmente para a ocupación do terreo, mentres que o de Soult era o de acción, o máis preparado para a batalla. Di Arteche: «Vencido o mariscal Ney en Ponte Sampaio, tampouco lle quedaba outro recurso que o de retirarse, pois que, de permanecer naquela comarca, veríase moi pronto illado, non só das de León e Castela, senón da Coruña e Ferrol, que tiñan guarnicións reducidas a curtísima forza. Éralle, pois, necesario e ata urxente o retroceder, decidirse, por fin, a abandonar aquela terra galega onde non tivera senón reveses e decepcións».
Thiers, na súa Historia do Imperio , sorpréndese de todo o que sucedeu, para derivar neste desastre: «Semella mentira que un corpo de exército tan numeroso e avezado como o que mandaba Ney, a pesares da habilidade e enerxía de tan famoso Xeneral, non puidese facer fronte aos indisciplinados galegos».
O historiador Louis Madelin, gran autoridade no tema, réndese ás evidencias de que os galegos fixeron un traballo formidable, e que foi grazas á súa propia vontade, á súa infatigable loita contra os invasores, como a perfecta maquinaria bélica de Napoleón houbo de abandonar o Reino: «O feito de que paisanos mal armados, sen coñecementos nin experiencia militar algunha, derrotados e dispersos frecuentemente, poidan facer fracasar ao xenial Emperador e aos valentes «vencedores de Europa», obrigándolles, finalmente, a evacuar España, é unha verdade que os profesionais non adoitan admitir facilmente, e iso non soamente os franceses, senón tamén os británicos e, ás veces, ata os propios españois».
Moita razón ten Madelin, porque non son poucos os autores que quixeron restar méritos aos galegos, que intentaron converter a batalla de Pontesampaio nunha mera «acción», ou que dixeron que esta victoria foi, en realidade, dos ingleses, pois sen eles non se podería tomar Galicia. Así o fai o británico Napier, na súa obra Guerra da Península , onde rebate que as guerrillas gañasen a guerra. Afirma que serían «esmagadas» polos franceses, se estes non estiveran obrigados a concentrarse en grandes exércitos, ao ser acosados permanentemente polas tropas de Wellington, que chegaban desde Portugal.
Tal afirmación rebátese con que os ingleses non chegan a España ata ben entrado 1808, cando xa se produciu unha primeira retirada francesa que obrigaría ao propio Napoleón a vir en persoa a poñer orde.
Pero hai algo máis importante, que rebate a falacia que expón o británico. Faino, no favor dos galegos, o propio Madelin, dando a volta ao argumento de Napier: «Os batallóns de Lord Wellington tiveran sido rapidamente exterminados se os franceses, inquietados polos xefes das guerrillas, non se tiveran vistos na obriga de manter dispersas ás súas forzas». E engade Madelin outro aspecto: O de cómo se xestou a rebelión en Galicia, que atribúe a un erro táctico dos propios franceses, que seguiron a máxima de Napoleón de que «a guerra debe alimentar á guerra». Foi o xeito como ocuparon os franceses o reino galego a que máis contribuíu a levantar a todos, paisanos, nobres, eclesiásticos e burgueses, sen distinción de clases sociais, unidos ante os atropelos a que eran sometidos, para conseguir unha victoria do pobo, practicamente sen axuda de ninguén.
En seis meses foron incontables os saqueos e someteuse a Galicia a unha auténtica carnicería, con excesos, crimes, violacións, ao tempo que se condena ao país a un auténtico colapso económico. Tarde entenderon os franceses que, cando o paisano non ten xa nada que perder, pode converterse nunha auténtica máquina de guerra de descomunal fereza. E isto foi o que aconteceu no Reino de Galicia, o primeiro de Europa que se levantou nunha auténtica guerra de guerrillas, a pesares de que tivese logo máis publicidade o fenómeno do bandoleirismo andaluz.
O coronel Jhon Jones, na súa Historia da guerra de España e Portugal , conclúe: «Así pois, os dous máis hábiles mariscais de Bonaparte, encargados por el de dominar a Península, foron, por dicilo así, expulsados de Galicia por unhas guerrillas e uns restos de tropas regulares». E traemos ao final desta epopea, xestada a partires da Reconquista de Vigo, e que tivo en Vigo non só o seu xerme, senón tamén o seu alento, organización e mando, a opinión dun vigués, Eduardo Chao. «Aos cinco meses de ser invadida, víase libre Galicia, mercé ao seu asombroso levantamento unánime, á súa actividade e perseveranza», di Chao. E conclúe: «Ningún home capaz de levar un arma conceptuaba gañar o día se non mataba un francés».
Foi unha victoria de todos, dos paisanos, dos voluntarios do Miño, do Fragoso, do Morrazo, do Val Miñor, dos burgueses de Vigo, dos campesiños convertidos en tiradores, dos frades feitos fusileiros, dos mariñeiros alzados en tropas de artillería; unha historia de todos, de comúns, cando o poder político abandona ao pobo e este decide que ten que actuar pola súa propia conta. O di, tamén, o conde de Toreno: «Non houbo na súa reconquista nin enxeñeiros nin canóns, só gañada a impulso do patriotismo galego».
E, para rematar, queda as palabras escritas en 1813 polo Duque de Wellington, vencedor en Waterloo, que mandou durante anos as tropas galegas que seguiron a loitar na Península: «Guerreiros do mundo civilizado: Aprendede todos a selo dos individuos do IV Exército que teño a dita de mandar. Cada soldado del merece con máis xusto motivo ca min o bastón que empuño. Todos somos testemuñas dun valor descoñecido ata agora... Españois: Dedicádevos todos a imitar aos inimitables galegos».