Vigo segue a preparar o ataque final contra os franceses que permita liberar Galicia enteira. A posición da vila está consolidada, o apoio da Armada inglesa é decisivo e as forzas napoleónicas xa renunciaron a entrar na provincia de Tui. Non entanto, os ocupantes non permanecen pasivos nestas datas de maio, senón que se aplican á represión nas provincias do Norte.
O mariscal Ney parte rumbo a Asturias, onde ten prendido tamén a sublevación. Antes, executa diversas accións de castigo, onde se repiten os incendios de vilas e os asasinatos xeralizados.
O militar José Navas, estudioso da estratexia dos franceses en Galicia, subliña a crueldade das accións de Ney no mes de maio: O certo é que aquel Ney, outrora ministro plenipotenciario en Suíza, tiña perdido na crueldade desta guerra todos os papeis da diplomacia e foi quen de acender o odio ata dos máis pacíficos, mentres ían iluminando o seu percorrido os fachos dos palleiros onde se queimaba, coas súas colleitas, a paciencia e a ponderación dos galegos.
En Fisterra, Monforte e Setecoros, Ney esmaga ás partidas de insurrectos, aínda que xa non se atreve a achegarse ao Sur de Galicia, a provincia de Tui que, con Vigo en vangarda, ten conseguido derrotar aos franceses.
Segundo Navas, o mariscal buscaba «destruír todo intento de formación de forzas militares, que puidesen ameazar as prazas ocupadas», ao tempo que tiña unha segunda razón, «o que para el podía ser máis importante, pero máis tráxico para a poboación galega: Que quixera dar uns castigos de advertencia para previr aos aldeáns das consecuencias de erguerse contra a súa autoridade conquistadora».
Pero os intentos de Ney serán vans. Os seus esforzos por sementar o terror no Norte de Galicia non atoparán correspondencia no Sur, que está xa en armas. Morillo, Colombo, Cachamuíña e o resto dos caudillos da rebelión viguesa seguen na vila olívica, trazando plans contra os ocupantes. E, a mediados de maio, reciben ademais importantes reforzos.
O xeneral Martín de la Carrera chega a Ourense, procedente de Pobra de Sanabria, cun pequeno exército de 1.500 homes, 70 cabalos e nove canóns. Leva ordes do xeneral Mahy para que tente unificar ás diferentes unidades que loitan en Ourense, Tui, Vigo e Pontevedra. Non entanto, esa coordinación xa se ten producido, desde a Reconquista. Mahy semella non ter unha boa información.
Coa chegada do xeneral, decide García del Barrio, quen fora comisionado pola Xunta Suprema para a defensa de Galicia, cederlle a súa autoridade, para que se poña á fronte da división «Miño», que se atopaba acuartelada en Vigo, reforzándose antes do ataque que teñen previsto sobre Santiago.
Tras a acción bélica de Pontecesures, o exército de voluntarios galegos está en Vigo, que se recupera baixo as ordes do gobernador Cachamuíña. Pero os mandos non pensan senón en continuar a loita e estendela. García del Barrio conta a Martín de la Carrera os seus plans, que tamén coñece Pablo Morillo. Os sublevados pensan que chegou o momento de tomar Santiago, aproveitando que o mariscal Ney se desprazara cara a Asturias, deixando guarnicións menos numerosas nas principais prazas galegas.
Todos son conscientes de que están ante a grande oportunidade de expulsar aos franceses, que comezan a estar mermados. Dos vintesete mil homes que entraron en xaneiro en Galicia, non quedan en territorio galego nin a terceira parte. Dunha banda, o mariscal Soult segue en Portugal, onde a mediados de maio está a defenderse, en Porto, do sitio ao que o somete un exército combinado anglo-portugués. E, doutra banda, Ney levou con el a Asturias a boa parte das súas tropas. É así como se toma unha decisión ambiciosa: Estender a guerra cara o Norte, e ver de liberar Galicia enteira dos ocupantes napoleónicos.
O 20 de maio sae de Vigo o exército galego, que inmediatamente ocupa Padrón, de onde expulsan aos galos, que foxen cara a Compostela.
Este primeiro éxito mesmo sorprende aos propios líderes sublevados. En tres días, a división «Miño», xa máis curtida na guerra tras as súas accións na provincia de Tui, pasa por Pontevedra, Caldas de Reis e Padrón, ocupando o territorio sen atopar resistencia francesa.
A inquietude apodérase da guarnición de Santiago, dirixida polo xeneral Maucunne, o mesmo sanguinario que incendiou vilas e aldeas desde o Miño ata o Ulla un mes atrás. A hora da vinganza parece próxima.
Os informes que recibe Maucunne xa non falan dun exército de esfarrapados, de illadas partidas de labregos que loitan sen orde. Agora, a División Miño é xa outra cousa. Os ingleses teñen aportado as armas necesarias e os últimos meses de obrigada instrucción nas artes da guerra deron os seus froitos.
O capitán francés Marcel, nas súas memorias, narra o desasosego que se vivía en Compostela: «O xeneral Maucunne enviaba cada día cazadores dacabalo en recoñecemento do terreo, cazadores que regresaban sen atopar nada. Con todo, unha mañá, un cazador que había partido co seu tenente e seis dos seus camaradas, regresou ferido, como único sobrevivente, xa que a patrulla caera en mans do groso do inimigo. A guarnición púxose en garda e durante moitas noites, os soldados durmiron coas súas armas, mentres que grandes gardas vixiaban».
A guarnición santiaguesa non é menor. As crónicas falan de alomenos tres mil homes, trescentos cabalos e numerosas pezas de artillería. Material e forzas dabondo como para repeler unha agresión do exército galego.
Pero, dentro dunha semana, veremos como os «bravos soldados galegos», dirixidos por Pablo Morillo, Colombo e García del Barrio, acadarán unha victoria decisiva sobre o exército que viña de vencer en Austerlitz ou Marengo. Tras a batalla de Santiago, que se librará o vindeiro 23 de maio, todo queda listo para o último duelo formidable da Guerra contra os franceses en Galicia: A batalla de Ponte Sampaio. Con ela, no mes de xuño, rematarán seis meses de ocupación, grazas ao esforzo de todos, de xentes do común, comandadas polo xerme que naceu en Vigo en marzo, coa súa Reconquista.