Cinco mil nenos a prol da lingua

VIGO

Rapaces de corenta centros participaron na marcha no defensa do galego organizada pola Mesa pola Normalización

06 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Cinco mil rapaces participaron onte na primeira carreira do Correlingua 2009, a marcha popular na defensa do galego. Os participantes pertencen a 40 colexios e institutos. A saída foi dada polo alcalde, Abel Caballero, e a concelleira de Normalización Lingüísitica, Iolanda Veloso. No percorrido participaron estudantes de corenta centros de ensino.

Ao longo do percorrido houbo actuacións de cabezudos que animaron a carreira. Tratábase do Fanctoche Baj.

Os estudantes fixeron un itinerario dende a praza do Rei ata o parque de Castrelos, onde agardaban os máis cativos con xogos e actividades programadas polos monitores.

Manifesto

Ao rematar a marcha, os alumnos do CPI de Panxón deron lectura ao manifesto no que afirman que «hoxe en día a xuventude non fala moito en galego; xustifícanse dicindo que a súa familia lles fala en castelán e tamén os seus amigos, e que se senten máis cómodos falando en castelán. Mesmo hai rapaces e rapazas que opinan que o galego é unha lingua inferior que non serve para nada, razoamentos totalmente absurdos que se lles fai caso, rematarán extinguindo a nosa lingua galega e tirarán por terra todo o labor feito polos nosos devanceiros e egrexios escritores e escritoras como Rosalía de Castro, Curros, Pondal, Ramón Cabanillas, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao, Manuel Antonio, Cunqueiro, e outros moitos escritores que fixeron posible que o galego perdure no tempo na escritura».

A xornada rematou coa actuación de Hugo Torreiro, finalista do concurso A polo ghit do Correlingua, un certame para elexir ao mellor cantante en galego.

A Correlingua foi organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, Asociación Socio Pedagóxica galega, a CIG e os concellos de Vigo, Santiago, Lugo e Pontevedra.

Durante os vindeiros días o Correlingua percorrerá catorce municipios coa participación de 45.000 mozos e nenos en total.