O presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro e o rexidor local presentaron onte en Tui o «congreso Álvarez Blázquez» que, organizado pola RAG coa colaboración da consellería de Cultura e o Concello se desenvolverá a vindeira semana na cidade do ilustre persoeiro ao que este ano se lle adicou o Día das Letras Galegas. O Concello instituiu o «ano Xosé María Álvarez Blázquez». Daí este congreso e o amplo programa de actividades desenvolvido polo goberno local durante os últimos meses.
O congreso comezará o xoves día 11 cunha conferencia a cargo de Xosé Lois Méndez Ferrín que versará sobre «A literatura galega interpretada por Álvarez Blázquez» e continuará ata o sábado. O programa inclúe unha visita guiada ña catedral e, pola tarde, o relatorio «Reflexións en voz alta sobre o labor arqueolóxico de Álvarez Blázquez». Na mesma xornada, dúas quendas de comunicacións. Na da mañá, Alfonso Álvarez Cáccamo, Alfonso Álvarez Gándara e Emilio Álvarez Rei, sobre a «achega da familia Álvarez á construcción do país». Na da tarde, a de Manuel Bragado e Víctor Freixanes en torno a «Álvarez Blázquez, editor».