Castrelos exhibe os seus tesouros no centro da cidade

VIGO

Reportaxe | Exposición A Casa das Artes convírtese nun escaparate permanente das coleccións da arte galega existentes no Museo Municipal Quiñones de León

28 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A Casa das Artes acolle a exposición Obras da colección de Arte Galega do século XX do Museo Municipal de Vigo Quiñones de León , que ten como obxecto mostrar ao público con carácter permanente unha selección de obras das coleccións do Museo Municipal de Vigo. Ás coleccións fundacionais incorporáronse paulatinamente novas obras, destacando as adquisicións que o Concello de Vigo realizou nas últimas décadas. Actualmente, posúe un dos mellores fondos de arte galega do século XX que existen en Galicia, de obrigada consulta e referencia. O proxecto expositivo foi desenvolvido polos membros do Padroado do Pazo-Museo, Antonio Quesada, Francisco Pablos e Bernardo Vázquez Gil e presenta un conxunto de 146 obras entre pinturas, esculturas, debuxos e obra gráfica, da autoría de 81 grandes artistas do século XX. A exposición enmárcase na serie de exposicións científicas e divulgativas que dende o año 2004 o Museo ven organizando para dar a coñecer na súa totalidade a riqueza das coleccións de arte contemporánea galega que custodia. Esta nova exposición terá, sen dúbida, un efecto catalizador sobre o funcionamento do museo e o seu discurso e completa a exhibición dos fondos, potenciando sinerxías entre espazos culturais: o Museo en Castrelos e a Casa das Artes no centro da cidade. A exhibición das obras é o mellor instrumento para comunicar esta riqueza patrimonial, que singulariza ao Museo Quiñones de León no panorama museístico nacional. Os grandes de Galicia No mostra pódense apreciar auténticas pezas mestras, que representan as tendencias, os grupos e os nomes principais da arte galega do século XX. Nesta selección, realmente espléndida, están incluídos os máis importantes creadores, coma Acisclo Manzano, Antonio Quesada, Ánxel Huete, Leopoldo Novoa, Lodeiro, Mercedes Ruibal, Silverio Rivas, Solveira, Sucasas, Vidal Souto Virxilio e Xaime Quessada, entre outros. Con este proxecto ponse en valor ante a comunidade as importantes obras pictóricas e escultóricas almacenadas. O percorrido visual que se propón coa visita permite unha ampla perspectiva da historia da arte contemporánea a partir da producción dos artistas que foron determinantes na súa construcción, e acrecenta o coñecemento sobre ela ao ofrecer unha nova oportunidade para o deleite e a reflexión sobre as diversas experiencias estéticas, individuais e colectivas, que se amosan.