O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar está desenvolvendo na actualidade o proxecto «Carpintería de Ribeira: Estratexias Innovadoras», que ten como obxecto principal o sector da construcción naval en madeira en Galicia. O obxectivo fundamental é detectar que condicionantes están a actuar no eido social, económico e profesional na presente situación do sector, para así comprender as causas da mesma e a posible evolución nos próximos anos, de cara á súa reactivación coa colaboración dos organismos públicos pertinentes. O custe total desta iniciativa é de máis de 182.000 euros dos que o Cetmar financia un 30% e o Fondo Social Europeo, a través da Fundación Biodiversidade, un 70%. O proxecto está estruturado en 4 accións principais: Un estudo sectorial denominado carpintería de ribeira: Renovación tecnolóxica, respecto medioambiental e formación; en segundo lugar, a elaboración dun manual de boas prácticas ambientais nas pemes de carpintería de ribeira; en terceiro lugar a elaboración de material formativo e divulgativo sobre carpintería de ribeira, e finalmente, a páxina web (www.carpinteriaderibeira.org) especificamente creada para o proxecto e actualmente operativa. Durante a xornada de onte no Cetmar, tivo lugar unha conferencia-mesa redonda co título de «A problemática da carpintería de ribeira: situación actual en España, Portugal, Francia e Noruega, na que participarán profesionais de Galicia, Portugal, Cataluña, Baleares, Euskadi, Noruega e Francia. Nela, os profesionais expuseron a situación do sector na actualidade nos seus países e a súa experiencia respecto ás actividades realizadas, o mercado, a evolución do sector e a problemática xurdida nos últimos anos. A segunda conferencia-mesa redonda co título de «Estratexias innovadoras: novas técnicas e novos produtos servíu para expoñer novas experiencias e puntos de vista sobre as posibilidades e estratexias de desenvolvemento futuro do sector.