O Concello empeza a controlar a débeda

J. Santos MOAÑA

VIGO

Análise | Situación económica de Moaña

04 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

? contabilidade do Concello de Moaña caracterizouse por un descontrol absoluto. Nos últimos anos choven reclamacións, moitas delas con sentencia xudicial ordenando o pago. Aínda hoxe, non se sabe con exactitude canto de debe. Ronda os 12 millóns de euros. Estanse pagando compras e obras de moitos anos atrás, como o barco do parque infantil da praia ou a parte que lle correspondía ao Concello do pavillón do Rosal (unha subvención de case 120.000 euros que se destinou a outros fins). Na conta xeral do 2005 que vai hoxe a pleno para a súa aprobación se recolle un remanente negativo de tesourería de case cinco millóns de euros. A débeda recoñecida ronda os seis millóns. É aproximadamente a metade da real. Os primeiros pasos para regularizar esta situación insostible deunos o goberno do popular Javier Barreiro, aínda que non quixo saber nada da débeda anterior a súa toma de posesión. O tripartito negociou un plan de pagos á Seguridade Social a dez anos. O Concello xa ingresou uns dous millóns de euros para cubrir o primeiro pago e máis o correspondente a anualidade. Pagouse tamén case a totalidade da débeda con Fenosa, que chegou aos 711.000 euros fai tres anos. O Concello desfíxose da débeda co Concello de Vigo polo subministro de auga dende o ano 1990, máis de un millón de euros. Neste caso, foi asociado á privatización do servizo. Con todo, o alcalde recoñece que aínda queda unha importante débeda non contabilizada: «A contabilidade municipal non reflicte a situación económica do Concello», di Millán, quen decidiu iniciar un expediente de prescrición de débedas e un filtrado das anotacións contables inxustificadas, como as que asignaban unha partida a unha obra que non chegou a facerse. Esta depuración, di o alcalde, vai representar unha baixa importante no libro de acredores. Cando finalice este trámite, o Concello terá por vez primeira en moitos anos unha imaxe fiel da súa contabilidade e poderá asumir con garantías un plan de saneamento económico. O motivo principal de terse chegado a esta situación é que os gobernos de Xabier Abalo e Cándido Pena non quixeron renunciar a prestar os servicios e facer as obras que consideraron necesarias para o municipio, aínda sabendo que O Concello non tiña ingresos suficientes. Hoxe, os ingresos e gastos están equilibrados grazas á mellor xestión dos cobros e ao empuxe da construción.