Reportaxe | A través das enerxías
09 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.? consumo eléctrico oculto dos electrodomésticos pode acadar entorno a un tres por cento da factura de enerxía total do ano dunha familia. «Curiosidades» como esta, potenciais hábitos, son algunhas das mensaxes que chaman a atención das persoas que estos días visitan a mostra «A través das enerxías». Unha exposición, organizada polo Instituto Enerxético de galicia en colaboración co Concello de Tui. Unha aposta por concienciar á cidadanía da necesidade de converter nun hábito o consumo responsable das enerxías a través da práctica. E é que a mostra, que o ano pasado foi visitada por preto de 30.000 persoas, ofrece a posibilidade de interactuar coas distintas enerxías e, a través de experimentos prácticos, entender os diferentes usos e posibilidades do consumo enerxético. A exposición integra nos seus espazos experiencias que definen as enerxías renovables e o seu carácter limpo, e o aforro e a eficiencia enerxética. Desde un parque eólico e paneis solares en pequena escala, nos que se evidencia dun xeito animado o aproveitamento destas fontes enerxéticas limpas, ata unha bicicleta estática demostrativa do esforzo necesario que hai que realizar para acender unhas lámpadas, así como diferentes paneis demostrativos do consumo eléctrico, do funcionamento da enerxía solar fotovoltaica, ou do que é un pila de combustible. Con este material búscase que o visitante comprenda os ratios enerxéticos que se obteñen de cada fonte e cómo hai que racionalizar o seu uso para fomentar un comportamento máis respectuoso co medio ambiente. A mostra trata de dar unha visión global aos visitantes dos diferentes aspectos da enerxía (recursos, xeración, distribución ou uso eficiente), combinando tanto materiais escritos como audiovisuais e experimentais, que permiten achegarse a un mundo descoñecido en xeral pola poboación. A iniciativa está articulada en tres grandes bloques. Os usos das enerxías, as renovables e as convencionais. Estes conceptos articúlanse nos paneis que, de xeito plástico, permiten permiten percorrer a historia, dende a súa orixe, no «Big-bang» ata a actualidade e cara ao futuro que os propios visitantes teñen nas súas mans. Tamén hai espazo para experimentar. Calquera pode comprobar in situ realidades cotiás das que habitualmente non se toma consciencia. Cómo funciona unha placa térmica ou unha máquina a vapor. No centro chama a atención unha cociña solar, como as que as oenegés comezan a probar en África.