Reportaxe | Costumes populares A asociación cultural A Revolta recuperará este ano unha figura tradicional no entroido vigués que foi prohibida a partir do ano 1936. É violenta e maleducada
13 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A partir de hoxe, no local da Associaçiom Cultural A Revolta, na rúa Real 32, exporase un traxe de Merdeiro , un personaxe do entroido vigués que caeu no esquecemento coa chegada dos aires militares de 1936. Agora, dende a asociación ubicada no Casco Vello queren recuperar esta tradición. De feito, xa empezaron o ano pasado a preparar o retorno do Merdeiro . «É unha figura moi esquecida; por iso quixemos o ano pasado desenvolver unha etapa informativa para dar a coñecer quen era esta personaxe», recorda Xulio, membro da Revolta. Aquel primeiro tomou forma de exposición fotográfica, pero tamén houbo entón unha conferencia introductoria. Ridiculizar Gerardo González é autor dun traballo inédito sobor o Merdeiro , e volveu este ano a dar unha conferencia recentemente para trazar os sinais de identidade deste elemento do entroido vigués. Coa chegada da época do escarnio, os mariñeiros asumían esta identidade coa intención de ridiculizar aos labregos con quen, o parecer, tiñan diferencias. E o mellor xeito de facelo era imitar as vestimentas dos escabicheiros, persoas do rural que recollían o escabiche e valeiraban os pozos negros da cidade para estrumar os seus campos. Os mariñeiros convertidos en Merdeiros ridiculizaban aos labregos, tanto exaxerando o seu xeito de vestir como o seu comportamento social. O parecer, os Merdeiros acostumaban vagar de xeito improvisado polas rúas da cidade, en solitario ou en pequenos grupos carecentes de organización. Este ano haberá cinco Merdeiros vagando polas rúas do Casco Vello vigués. Son as personificacións que levarán a cabo outros tantos membros da asociación A Revolta. «Estamos confeccionando os traxes e as caretas», apunta Xulio. «O Merdeiro é maleducado e un pouco violento», advirte Xulio. Corre, brinca e grita co ánimo de asustar a xente. Ademáis vai armado dunha vara coa que intenta golpear á xente coa que tropeza. Por estas caractarísticas tan especiais, este ano, as escapadas do Merdeiro reduciransen ao Casco Vello. «Non queremos ter problemas con ninguén e por iso só estaremos entre o Berbés e a rúa Príncipe», di Xulio. Quizáis por elo, nestes primeiros momentos do renacemento do Merdeiro, non fará algunha das bestiadas que fixo no pasado, como arroxar peixe podre á xente. O ano pasado, o local da Revolta acolleu unha exposición fotográfica dos primeiros anos do século XX na que aparecía esta figura. «Daquelas fotos e dos dibuxos feitos por Vicente Risco, entre outros, sacamos nós as ideas para reconstruír as vestimentas; as caretas as estamos facendo cuns moldes de xeso», explica Xulio. O Merdeiro é un exemplo de entroido urbano xa que naceu nas rúas do Vigo vello. Devagar foi devecendo até desaparecer coa prohibición decretada perante o franquismo. Incordiante O xeito de entender o entroido de este individuo é incordiante. Por exemplo, votábase a correr despavorido cara a xente, especialmente cara as mozas, para se deter de súbito a carón delas e cun lixeiro golpe de cadeira provocar un xiro violento dos obxectos pendurados na súa cintura, como verduras, cebolas o basoiras vellas. Asi que o Merdeiro é unha sorte de peliqueiro pobre en vestimenta, máis preto dos choqueiros da Ría de Arousa. En calquer caso é unha figura orixinal de Vigo que non tivo a sorte de sobrevivir. A experiencia que agora plantexa a asociación A Revolta vai ser unha proba definitiva para comprobar se ten futuro nos vindeiros entroidos vigueses. Quen quera atreverse a ser un merdeiro de verdade, no local social da Revolta, en Real 32, diránlle o xeito de conseguilo.