No cabodano da morte de Casares preséntase un libro sobre a súa vida

La Voz LA VOZ | VIGO

VIGO

Coincidindo co terceiro cabodano do pasamento de Carlos Casares, hoxe na sala de conferencias do Centro Social Caixanova, presentarase o libro Carlos Casares: os amigos, as imaxes, as palabras , unha obra froito dun convenio de coedición entre Promocións Culturais Galegas-Edicións A Nosa Terra e a Fundación Carlos Casares. O volume, que conta co patrocinio de Caixanova e outras institucións, foi coordinado por Xan Carballa e Damián Villalaín. Luxosamente editado e en gran formato, o libro fai ao longo de máis de duascentas páxinas un percorrido pola traxectoria vital de Casares, reflectindo as múltiples facetas da súa personalidade a través de testemuños de amigos e colaboradores, que abordan o personaxe dende o seu lado máis sentidamente humano. Entre os máis de cincuenta autores, atópanse persoeiros relevantes da cultura, a política e a empresa. Tamén se recolle a opinión de Casares nas súas propias palabras, a miúdo como actor destacado dos feitos históricos, en varios escritos e entrevistas, algunha delas inédita até o momento. Así mesmo, o volume consntitúe un excelente álbum recompilatorio de material gráfico das décadas 1940-2000, en parte tamén inédito, procedente en moitos casos do arquivo familiar. A obra, ordeada cronolóxicamente, vai dando conta das sucesivas etapas da vida de Carlos Casares, así como das súas varias responsabilidades, constituíndo, asemade, unha crónica das últimas décadas da Historia de Galicia: a infancia e mocidade de posguerra en Xinzo e Ourense, a comprometida universidade compostelá dos sesenta, a loita política pola democrácia e a autonomía, etc. No acto, que comeza as oito do serán, participarán Alfonso Zulueta, presidente do Consello da Cultura Galega, Kristina Berg, presidenta da Fundación Carlos Casares, entre outros persoeiros.