Reportaxe | Iniciación á política Raúl Francés cedeu onte o bastón de mando a unha escolar do Porriño para presidir un «pleno infantil»
19 ene 2005 . Actualizado a las 06:00 h.?s alumnos de sete centros educativos do Porriño convetíronse onte nos protagonistas da política local. O alcalde, Raúl Francés, cedeu o bastón de mando a Irene Martínez, alumna do colexio Hermanos Quiroga, para a celebración dun pleno infantil. Despois do traspaso de poderes, a nova alcaldesa abriu a sesión convidando a dous alumnos de cada centro a debatir os puntos da orde do día. Nesta actividade, organizada polo edil de Educación, Iván Vaqueiro, participaron os colexios de Ribeira, Antonio Palacios, Fernández López , Cruz-Budiño, Atios, Hermanos Quiroga e Santo Tomás. Os pequenos concelleiros aprobaron, por unanimidade a declaración universal dos dereitos dos nenos das Nacións Unidas. Os escolares defenderon a necesidade de que tódolos gobernos do mundo cumpran con este puntos para garantir o benestar dos menores. No segundo tema do día, sobre a tolerancia e convivencia nos centros educativos, os edís presentaron situacións reais que se dan nos seus colexios. Como terceiro punto, os rapaces presentaron propostas para mellorar a calidade de vida dos nenos do Porriño e de todo o mundo. As iniciativas foron moi variadas, uns centráronse nos deberes dos adultos e dos pais con respecto aos menores, outros solicitaron melloras no Concello ou unha maior atención á infancia ás autoridades de tódolos países. Tras a sesión, Iván Vaqueiro acompañou aos nenos nunha visita polas ofinas municipais na que os escolares puideron coñecer o día a día do traballo no Concello. O concelleiro de Educación e Participación Cidadá destacou ao final da actividade que «este é o segundo ano que se celebra o pleno infantil con gran éxito, é moi positivo porque é un xeito de que coñezan mellor o funcionamento da política e da administración local, que forma parte da súa formación ética como cidadáns»