A comisión de Goberno da Deputación Provincial de Pontevedra aprobou, na sesión celebrada onte, a sinatura dun convenio coa Fundación Carlos Casares que posibilitará a organización da exposición Os mundos de Carlos Casares e a segunda edición dos encontros de Mondariz-Balneario. Concretamente, a Deputación de Pontevedra concederalle á fundación unha subvención de 30.000 euros co obxecto de organizar a II edición dos Encontros de Mondariz-Balneario , que terán lugar neste municipio entre os días 20 e 24 de setembro; para celebrar a exposición itinerante Os mundos de Carlos Casares organizada pola Fundación e a Sociedade Galega de Desenvolvemento Comarcal; e, por último, coa finalidade de que a institución provincial poida utilizar a biblioteca-salón de actos da sede da Fundación Carlos Casares para a presentación de libros e publicacións da institución provincial, así como para calquera outros actos públicos de carácter cultural organizados pola Deputación. A sede provisional da fundación atópase no edificio Asefal. Promoción cultural A Fundación Carlos Casares ven desenvolvendo unha importante labor de promoción cultural, tanto no ámbito provincial como no galego, en correspondencia cos seus fins estatutarios, contribuíndo a establecer pontes entre a cultura galega e a cultura universal e a difundir socialmente o legado cívico e cultural de Carlos Casares.