Vigo acollerá unha serie de actos en recordo de Celso Emilio Ferreiro

La Voz LA VOZ | VIGO

VIGO

O pleno da Corporación Municipal de Vigo celebrado onte acordou programar diversos actos con motivo do vintecinco aniversario do pasamento de Celso Emilio Ferreiro, poeta que morou parte da súa vida na nosa cidade, onde finou no día 31 de agosto do ano 1979. As accións que se levarán a cabo será colocar unha coroa de loureiro no busto de Celso Emilio, sito nos xardíns que levan o seu nome, no día do seu cabodano. Concertar, con tódos os colexios de Vigo que se queiran adherir, un programa de recitado das súas poesías e mais concursos de redacción sobre a obra de Celso Emilio. A colocación dun baixorrelevo na casa onde morou, no número 28 da rúa Urzaiz, e a celebración no teatro García Barbón dun festival no que actuarían cantautores que teñan musicado poemas de Celso Emilio e máis persoas que participen no recitado das súas poesías. O poeta de Celanova é o autor máis rexistrado na Sociedad General de Autores Españoles. Congreso en outubro Tras este homenaxe tamén se atopa Edicións Xerais de Galicia, a editorial que garda os dereitos editorias do autor ourensán. Asemesmo, a Consellería de Cultura tamén participará de algún xeito nesta homenaxe, polo memos así o fixo saber o seu titular Xesús Pérez Varela hai unha semana, cando estivo en Vigo presentado a programación do Xacobeo. A Xunta patrocinará o congreso que se desenvolverá en Vigo no vindeiro mes de outubro. Outra iniciativa que se vai levar a cabo neste ano Celso Emilio Ferreiro é a tradución do libro Longa noite de pedra (publicado no ano 1962) ao idioma francés. A iniciativa conta coa colaboración económica do grupo PSA Peugeot Citroën. Hai uns meses, a Fundación Premios da Crítica de Galicia traduxo o poema Irmán , incluido orixinalmente en Longa noite de pedra , a varios idiomas de todo o mundo, dentro da campaña de galeguización dos inimigrantes que residen en Galicia. Na quela ocasión, o poema foi traducido ao ruso, ao xaponés ou ao arabe, entre muitos outros. Celso Emilio naceu en Celanova no ano 1914.