O Plan de Inclusión Social de Galicia ten o propósito de servir de marco de referencia e coordinación das distintas actuacións que se veñen realizando contra a exclusión social en tódolos ámbitos institucionais e sociais da Comunidade Autónoma. O plan concibiuse como un conxunto integrado de medidas dirixidas á inserción socio-laboral que, partindo do carácter multidimensional da pobreza e a exclusión social, veñen a potencia-las políticas activas existentes mediante mecanismos innovadores de intervención e coordinación. Así mesmo, o plan prevé a participación dos axentes sociais como base para potencia-la discusión pública sobre a inclusión social e para incrementa-la corresponsabilidade da sociedade civil. Integración Así, os dous grandes obxectivos que comprenden as actuacións recollidas no citado plan son, por unha banda promove-la integración e a autonomía das persoas que viven en situación de pobreza, garantindo recursos suficientes, mellores condicións sanitarias, de acceso á vivenda e ó mercado de traballo, propiciando un entorno escolar integrador e a participación social. Por outra banda, as accións do plan van dirixidas a previ-la exclusión, promovendo a mellora das condicións de vida, a información, o acceso ós recursos e a participación social, o asociacionismo e o voluntariado. Contra a vulnerabilidade A finalidade última desta medida do plan da Consellería de Asuntos Sociais é conseguir que as persoas ou familias en situación de pobreza e exclusión, logren adquiri-las habilidades necesarias para evita-la súa vulnerabilidade ós cambios nos procesos socioeconómicos, posibilitando o acceso ó emprego e o mantemento dun xeito de vida normalizado. O número de beneficiarios incorporados ó Plan Galego de Inclusión Social 2001-2006, desenvolvido pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais ó longo do período 2001-2003, é de 13.424 persoas, das cales 4.404 pertencen ó colectivo de discapacitados. A través das actuacións de formación, orientación e acompañamento realizadas acadáronse un total de 3.608 contratacións laborais, das que 1.313 corresponden ó colectivo de persoas con discapacidade. Neste mesmo período deseñáronse un total de 8.500 proxectos individualizados de inserción sociolaboral. Como medida activa de inserción laboral visitáronse tamén un total de 2.684 empresas na Comunidade Autónoma para coñece-los perfís profesionais máis demandados e adecua-la formación dos usuarios do plan ó mercado de traballo. Beneficiarios En Galicia hai actualmente preto de 65.000 beneficiarios de prestacións periódicas, dos cales no ano 2003 foron perceptores da renda de integración social de Galicia (RISGA) 4.477 persoas, destinándose unha contía total de 14.079.052 euros á mesma. Como reforzo a estas medidas de caracter económico, a Xunta de Galicia elaborou o I Plan Galego de Inclusión Social 2001- 2006. No marco deste I Plan Galego de Inclusión Social, ó longo do ano 2003 traballouse para favorece-la integración social e laboral das mulleres e dos homes que, especialmente en razón da súa discapacidade ou pertenza a un grupo social con particulares dificultades de inserción, corren o risco de encontrarse en situación de pobreza. Para executa-las distintas actuacións e atendendo a un criterio de descentralización territorial, establecéronse catro equipos de intervención provincial dependentes das delegacións provinciais e nove equipos de intervención de ámbito local nas sete grandes cidades de Galicia (A Coruña, Lugo; Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela e Ferrol) e nas zonas do Consorcio As Mariñas e en Val Miñor. Xunto cos anteriores equipos o plan conta cun equipo coordinador xeral localizado nos servicios centrais da Consellería e que ten como finalidade supervisa-las distintas accións desenvolvidas e face-lo seguimento e avaliación das mesmas. Colectivos Os colectivos ós que se orientan ás actuacións do Plan de Inclusión Social son as persoas en situación de pobreza ou exclusión social, na que se atopan as persoas que non poden participar plenamente na vida económica, social e civil e que teñen uns ingresos ou recursos (persoais, familiares, sociais e culturais) que non lles permiten ter un nivel e unha calidade de vida considerada aceptable pola sociedade na que viven. De acordo con todo o anterior, e conxugando os conceptos de pobreza e exclusión social, as accións programadas diríxense a dous grandes grupos: o integrado polas persoas con discapacidade e o colectivo das persoas en risco de exclusión.