Recentemente o Consello da Xunta aprobou o proxecto de Lei polo que se modifica a Lei Galega de Medidas Básicas para a Inserción Social, reguladora da RISGA, ¿cales son as principais novidades deste texto legal? -Este proxecto de Lei recolle o incremento progresivo da contía da RISGA, co fin de mellora-las redes de seguridade destinadas a garantir un nivel mínimo de renda ós cidadáns con problemáticas de exclusión. A súa principal finalidade é elevar progresivamente o importe do subsidio básico ata acadar, tras un período transitorio de tres anos, o 75% do salario mínimo interprofesional (S.M.I.). Ademais, tamén se aumentarán os complementos familiares, que pasarán a calcularse en porcentaxes respecto ó salario mínimo interprofesional. -¿Que obxectivo se pretende con esta equiparación da RISGA? -Con esta reforma a consellería pretende acadar unha maior operatividade cara á inserción social e a incorporación laboral das persoas en situación de exclusión social. Búscase unha protección social máis favorable ó emprego, reforzando os aspectos integradores das políticas de rendas mínimas, favorecendo o cobro dos complementos de inserción nas situacións en que os beneficiarios acceden de modo temporal ó mercado de traballo. Con referencia ó SMI é necesario destaca-lo carácter prelaboral desta prestación, evitando que se asimile a un subsidio sen contraprestación por parte dos beneficiarios, que están obrigados a seguir un proxecto personalizado de inserción. Así mesmo, o proxecto de Lei introduce unha excepción ó limite temporal de catro anos na percepción da RISGA. A proposta recollida na reforma é mante-la extinción polo transcurso de catro anos agás que a situación de exclusión social ou desestructuración familiar da unidade de convivencia do beneficiario poñan de manifesto a necesidade de que este continúe a percibi-la prestación. Este proxecto flexibiliza as medidas activas de emprego para os perceptores da RISGA, co obxectivo de facilita-la súa adaptación ás estratexias globais para o emprego, así como á realidade cambiante e dinámica do mercado laboral. Outro dos obxectivos que se persegue é posicionarnos nos postos de cabeza en relación co resto das autonomías no que se refire á contía do subsidio das políticas de integración. -Debemos ser capaces de innovar, de querer coñecer máis os problemas sociais das persoas para identifica-los motivos e os factores de exclusión. Debemos ser capaces de deseñar políticas globais de acción contra a pobreza. Para iso hai que implicar a tódolos axentes e avaliar o que se fai.