1º de Maio

MANUEL CAMAÑO

VIGO

OPINIÓN | O |

30 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O SISTEMA de explotación dun ser humano por outro que chamamos capitalismo esgota xa a vía da mascarada democrática para adoptar habitualmente a violencia como recurso de dominación. A guerra é a expresión máis clara dese proceso e tamén da febleza que o mesmo agacha. Cando invade Iraq, cando pretende a submisión do mundo enteiro aos seus intereses económicos e estratéxicos, o imperialismo que encabeza EEUU co apoio, máis ou menos entusiasmado, doutras potencias capitalistas demostra inmenso poder militar pero, aínda devolvéndonos dun salto á barbarie, demostra tamén a emerxencia do seu contrario: a rebeldía e a capacidade de organización dos traballadores e dos pobos. O xenocidio practicado polo imperialismo en Iraq busca a eliminación definitiva do principal problema que provocará a súa futura derrota: a resistencia real ou potencial da poboación que impida ou limite os seus obxectivos criminais. No Estado español, o PP actúa sen ambigüidades como bufón de Bush e de Blair en tal crime contra a Humanidade. A ilegalización de organizacións políticas, o peche de medios de comunicación ou o seu control absoluto, a lexitimación da tortura, a nefasta actuación ante a catástrofe económica, ecolóxica e social derivada do Prestige resultan demostración evidente do concepto de política que practican. O temor a perder os seus privilexios e a competencia entre eles por ver quen come o cacho máis grande deste bolo que é o mundo, deciden a adopción de medidas represivas para silenciar, embrutecer e dominar a clase traballadora. Arrogantes do seu poder e seguros da súa alianza co sindicalismo domesticado usurpan por decreto logros históricos, conquistados con sangue. Así sucede cos contratos fixos de traballo ou coas prestacións por desemprego; así se impón a precariedade laboral, a paulatina reducción da xubilación contributiva; así se converte en negocio privado rendible o que antes era sector público e básico; así se exerce o control absoluto, regresivo, do pensamento e da actuación pública. Pero cada día queda tamén máis á vista a súa trampa. Por iso dixemos e dicimos Nunca Máis e Non á guerra. Será a conciencia de clase, será a nosa unidade e a mobilización social non supeditada quen pare o fascismo. Quen abrirá o camiño que leva á xustiza social e á soberanía dos pobos, base da sociedade de mañá, fundamento da loita de hoxe. Nesa liña, a Central Unitaria de Traballadores vaise manifestar hoxe en Vigo coa CGT «Contra a Guerra e o Capital, xustiza social».