Os integrantes do grupo vigués de folk Irtio presentan esta noite, as 22.30 horas na sala Sete Mares, ó seu primeiro traballo discográfico, gravado no estudio Casa de Tolos. Juan Outes é o percusionista do grupo. -¿Cando naceu Irtio? -No ano 1999 comezamos a movelo proxecto, pero ata 2000 non empezamos a dar concertos. -¿Cantos músicos compoñen o grupo? -Somos cinco máis a voz e a gaita, que imaxino que acabarán incorporándose definitivamente. -Fan vostedes música folk, ¿clásico ou innovador? -Non é folk clásico pero tampouco pódese dicir que sexa moi innovador. Tocamos o que nos peta. A xente atópanos referencias de todo tipo. Algúns ven cousas de Milladoiro, outros de Berogüeto. En realidade hai moitas influencias debido a que os músicos veñen de outros campos como a música clásica ou o rock. -Agora están no selo Discmedi, ¿como foi a gravación do disco? -Antes de que aparecera Discmedi tiveramos algunhas ofertas pero eran esclavistas. Entón decidimos aforrar e autoproducila gravación. Como o disco quedou moi ben, xa foi máis doado negociar cunha compañía. -¿Onde gravaron? -Nos estudios de Segundo Grandío, na Casa de Tolos. Gravar alí é unha gozada, calquer eloxio que fagas de Segundo Grandío é pouco. Estás cómodo porque sabe trátalos músicos. Un dos segredos do sonido deste disco e a presencia de Segundo «Gran tío». -Ademáis, tiveron numerosas colaboracións. -Si, pasa un pouco como nas películas de Santiago Segura, que os amigos se «enrrollan». Contamos con Anxo Pintos e Isaac Palacín de Berrogüetto, Uxía Senlle, Antón Davila, Alberto Insuela, José Liz, Alberto Medraño, Dani Vilar. -¿Como solventan a súas ausencias en directo? -Temos recursos técnicos. O disco foi moi coidado e é moi relaxante pero en directos somos moi festeiros.