A Guarda acolle unha mostra que repasa a historia dos mamíferos xa extinguidos que poboaron a península Ibérica antes dos humanos
24 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.A Obra Social de Caixa Galicia, en colaboración co Museo Nacional de Ciencias Naturais inaugurou na Casa da Cultura de A Guarda Esquecidos por Noé . Con marcado carácter pedagóxico, a exposición propón un paseo pola historia dos mamíferos remontándose á idea, posteriormente rexeitada pola Paleontoloxía, do Diluvio Universal e a Arca de Noé. A mostra desenvólvese en catro ámbitos, a orixe e evolución, o hábitat, os mamíferos do Neóxeno e como se descubren e escavan os xacementos paleontolóxicos. O primeiro lembra ó visitante as características físicas que diferencian ós mamíferos dos outros animais e, á vez, descúbrelle aspectos propios da Paleontoloxía como a dificultade para analizar os seus fósiles senón é a través dos dentes, así como os tipos que hai.No paseo pola orixe desvélase ademáis que a xénese dos mamíferos remóntase a hai máis de 200 anos ou que se desenvolveron nun proceso duns 150 millóns de anos a partir de pequenos réptiles. Un total de catro vitrinas acollen os fósiles e as reproduccións realizadas segundo outras tantas clasificacións: a alimentación, a locomoción, as defensas e os vertebrados non mamíferos. Deste xeito preténdese achegar de forma directa e plástica ós escolares o coñecemento de conceptos como depredadores e presas ou carnívoros e herbívoros.A mostra permite ademáis percorrer os principais xacementos peninsulares con achádegos datados de hai 23 millóns de anos, a través de reproduccións da paisaxe a gran escala e fotografías que constitúen o fío conductor, así como reproduccións anatómicas tridimensionais, a tamaño natural, dalgúns mamíferos. Son cinco figuras, algunhas de máis de dous metros de altura, que representan a un rumiante, similar a un cervo, extinguido hai dez millóns de anos, unha cabeza de elefante, un rinoceronte que viviu durante o Mioceno, un carnívoro con características intermedias entre o oso e o lobo e un tigre de «dientes de sable». A exposición acolle tamén unha reproducción parcial do solo de escavacións do xacemento Vallesiense (do Mioceno Superior) de Madrid, un dos máis importantes rexistros fósiles do Terciario de España. Os escolares disporán ademáis de un material didáctico de apoio para traballar in situ e na aula que permite a interiorización individual dos contidos.