A Xunta fai un chamamento á pesca responsable nas Rías

La Voz LA VOZ | VIGO

VIGO

Retoma un plan de preservación do caladoiro aprazado hai meses

27 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

? Representantes de oito confrarías de pescadores do sur da provincia de Pontevedra (Baiona, A Guarda, Arcade, Vigo, Moaña, Cangas, Redondela e Vilaboa) reúnense hoxe en Baiona para debater con técnicos da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, sobre comó acadar a recuperación e conservación dos recursos do caladoiro galego. Esta xuntanza, á que hoxe asisten cinco membros de cada pósito, está organizada polo departamento de Enrique López Veiga, e por parte do Goberno galego asisten a directora xeral de Innovación, Rosa Quintana, e a delegada provincial de Pesca, Paloma Rueda. Na xornada matinal, os mariñeiros debaterán as conclusións acadadas no I Encontro de Baixura de Galicia, celebrado en Santiago en setembro pasado, e analizarán as novas propostas organizativas para a pesca de baixura. Pola tarde, os profesionais proporán novas fórmulas para mellorar a formación dos pescadores.Un dos principais obxectivos da serie de encontros de baixura por Rías é facer copartícipes a tódolos profesionais de baixura da idea dunha pesca responsable (un concepto acuñado hai xa varias décadas pola FAO), que pasa polo rigoroso cumprimento da normativa pesqueira en vigor, orientada a conseguir a recuperación e preservación do caladoiro galego. Outro dos temas de interese común que se abordarán na reunión, é a análise de propostas ligadas a unha mellor formación e organización do sector, temas sobre os que poderán intercambiar impresións e suxestións os propios traballadores e mailos técnicos de Pesca. Todos eles foron aspectos xa abordados no I Encontro de Baixura de Galicia. Intereses concretos Agora, co recomenzo da programación dos novos encontros por Rías, aplazados pola marea negra, a Consellería de Pesca agarda retomar o debate maís polo miudo e coa posibilidade de atender tamén a circunstancias particulares, locais e dos intereses concretos da zona. Os pósitos que aínda non participaron nestas xuntanzas reuniranse nas vindeiras semanas, formando grupos similares en canto número de participantes e proximidade xeográfica, ata contemplar un total de cinco xuntanzas sectoriais que se celebrarán ata o vindeiro 11 de febreiro.