A oposición urxe a paralización da obra e consideran que «é referente do feísmo urbanístico» Os traballos están promovidos por Portos de Galicia cun orzamento de 260.000 euros
05 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Dende hai meses estase a construir o inmoble da Estación Marítima de A Pasaxe, promovido polo Ente Portos de Galicia, cun orzamento de 258.495,31 euros e cofinanciado pola Unión Europea con fondos FEDER. A voceira do BNG retomou a polémica existente ó redor das mesmas no último pleno a través dunha moción na que manifestaba que «o edificio destaca polo tan mentado feismo». A edil sinalou que «resulta contradictorio que o promotor deste exemplo sexa un Ente dependente de Política Territorial e que, ante semellante adefesio, o Concello permaneza calado e mirando cara outro lado». Rosa Darriba sinalou, ó igual que o concelleiro do PSOE que «o inmoble non conta con licencia municipal, nen sequera de ningún informe no que o Concello poidera advertir o impacto que ocasiona na zona, tanto pola súa altura como pola súa estética diante dos Xesuítas e sendo unha das portas de entrada en A Guarda». Integración A voceira mostrou o consenso do seu partido para que se constrúa unha estación marítima na zona que preste os servicios esenciais ós usuarios do transbordador. Pero entende que a mesma debe proxectarse tendo en que conta a súa ubicación para integrala na zona, causando un mínimo impacto. O BNG solicitou que se procedera á paralización das obras e se instara ó promotor a modificar o proxecto para evitar «o evidente impacto medioambiental e paisaxístico», pero a moción non prosperou polo voto en contra do equipo de goberno. PSOE Tamén o PSOE denunciou recentemente as obras ante o conselleiro de Política Territorial e apoiou a moción do BNG. O seu voceiro, José Manuel Domínguez Freitas, afirmou que os traballos «agreden de xeito moi importante ó esteiro do Miño e ás súas vistas e son un claro paradigma de desordenamento». Os ediles socialistas sinalan que «tal como está concebida, a chamada estación marítima impacta tremendamente e pecha un espacio aberto impresionante». Afirman que a idea do edificio tenta buscar a semellanza coa ponte dun barco pero que, pola contra, é un impacto desmedido e inxustificado ó río. O PSOE destacan ademáis que dubidan que as obras teñan permiso de Medio Ambiente e que precisa del xa que radica nun espacio da Rede Natura.