Os editores de Galicia expoñen as súas publicacións ata o domingo nunha carpa instalada na Alameda A Asociación Galega de Editores inaugurou onte a cuarta edición do Salón do Libro Galego, que poderá ser visitada ata o domingo, nunha carpa instalada na Alameda de Vigo. Os visitantes terán acceso a dez mil títulos en exposición e venda.
05 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.Dende hai catro anos, a Asociación Galega de Editores establece, ó traveso do salón do libro, unha canle directa de comunicación ca sociedade galega. Nunha carpa de trescentos metros cuadrados de superficie, vinteséis editoriais galegas expoñen dez mil libros, acompañados polos novos soportes de edición. Como é costume nas feiras de libros, todolos días algún escritor asinará os seus libros ós visitantes. O programa para hoxe xoves comeza as once da mañá cunha sesión de contacontos, protagonizada por Pepe Carreiro, dirixida as visitas escolares. As sete do serán, Alfredo Conde presentará a súa novela Memoria do Soldado. Media hora máis tarde terá lugar un coloquio sobre Harry Potter e un concurso de debuxo sobre o heroe xuvenil. Mañá venres, o contacontos terá como protagonista a Cesáreo Varela as once da mañá. As sete da tarde, actuará o grupo Ardentía no acto de presentación dos libros Solo de gaita e Crónica do folk . As 19.30 horas desenvolverase unha homenaxe a Carlos Casares e o Padre Sarmiento, cunha lectura pública da obra de Carlos Casares A vida do Padre Sarmiento . Contacontos matinal A programación do sábado volve a iniciarse ca sesión infantil de contacontos, as 12.30 horas, a cargo de Marta García. A 13 horas, Luciano Fernández contará o conto Max e Moritz , acompañado por unha actuación musical. Xa polo serán, as 19 horas, os autores Conchi Regueiro, Francisco Castro, Paco Feixó, Marga do Val, Alfonso Álvarez Cáccamo e María Xosé Porteiro leerán fragmentos das súas obras e asinarán libros. A programación do derradeiro día do salón comezará cunha nova sesión de contacontos protagonizada por Benxamín Míguez. A clausura da feira terá lugar as dez da noite.