Tres mulleres infatigables

La Voz

VIGO

MARTA G. BREA

Unhas veciñas de Domaio esixen con cacerolada diaria o pago duns terreos cedidos ó concello hai 25 anos Un veciño de Domaio nunca se rende, faga frío, caia neve, queime o sol, chova ou vente. Tres señoras desta parroquia moañesa, parte dun grupo de nove que reclama unha vella débeda pola cesión dunhas fincas para construir o colexio público, en 1997, levan concentrándose a diario, dende antes das eleccións autonómicas, ante o Concello de Moaña esixindo o pago dos 12,3 millóns nos que se tasaron os terreos, os 10,5 de intereses xerados, e dous máis de gastos e costas. No entroido incorporaron percusión a súa protesta e, satisfeitas co resultado, así siguen, tódolos días, de luns a venres, infatigables.

16 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.

J.SANTOS MOAÑA O alcalde moañés espera, como auga de maio, que algún veciño ou mesmo o persoal municial presente «por escrito» unha queixa sobre o ruído que arman as tres veciñas de Domaio concentradas ante o consistorio coa súa percusión caseira. Tería así un motivo para incautarlles os testos das potas cos que traen tolos os empregados, ó propio alcalde, á policía e, en xeral, a todo aquel que se deixa cair polo concello. Mentras non haixa queixas, poderán seguir «o tempo que queiran», anque, engade Javier Barreiro, «o numerito que montan» non vai acelerar para nada o cobro. O numerito en cuestión pareceulle cair simpático a un bo número de automovilistas. Moitos conductores fan soar o claxon repetidamente cando pasan diante das concentradas. Éstas, en sinal de saúdo e agradecimento, os obsequian con insistentes redobles da súa percusión artesanal. Os funcionarios, polo seu turno, botan a man ós ouvidos, exasperados. As mulleres fóronse correndo pouco a pouco pola beirrarúa ata situarse mesmo debaixo da ventá da alcaldía, unha cunha pandereta e as outras dúas, con cadanseu par de testos. O que reclaman está avalado por sendas sentencias do xuzgadod e Cangas de 1994 e 1995. Os acreedores contan ademáis, cunha orde de embargo dos cartos que tiña que pagar ó Concello de Moaña a promotora da urbanización anexa ó campo de golf de Domaio. Nin as sentencias nin o auto de embargo nin a cacerolada deron ata agora frutos.