LOIS PÉREZ CASTRILLO COMENTARIO
15 sep 2001 . Actualizado a las 07:00 h.igo, configurada xa como a gran metrópole do noroeste peninsular, afronta o novo século co optimismo que proporciona o saber que moitas das eivas que arrastrou durante anos están no camiño de ser superadas. A nosa cidade conseguiu erguerse como o motor demográfico e industrial de Galicia malia os seus recoñecidos déficits en materia de infraestructuras de comunicación. As súas condicións naturais, a súa situación estratéxica, a constancia dos seus empresarios e o dinamismo do conxunto dos axentes sociais permitiron que non cesara de medrar e afianzara a súa personalidade e peso na eurorrexión, aínda que determinadas carencias actuasen como obstáculos. A cidade encara agora o século XXI con outro ánimo. Rematadas as conexións por estrada coa meseta e con Portugal, co proxecto do segundo cinto por fin sobre a mesa e cun Plan Director do Aeroporto que nos ofrece garantías de mellora das nosas conexións aéreas, hai máis motivos para seguir confiando na consolidación do proceso de desenvolvemento económico de Vigo e a súa área metropolitana. Só queda por diante unha asignatura tradicionalmente arrombada por todos os gobernos: a modernización do ferrocarril. Toda Europa aposta polo ferrocarril como medio de transporte para o futuro. É un sistema rápido, seguro e ecolóxico. Dispoñer dunhas comunicacións ferroviarias axeitadas vai ser un aspecto fundamental para asegurar a competitividade das nacións que, como no caso de Galicia, están situadas na periferia dos grandes eixos de actividade económica do continente. Durante moitos anos Galicia padeceu a escandalosa falta de interese polo ferrocarril das distintas administracións. A principios dos anos 90 o tren viaxaba dende Vigo a Porto a unha velocidade media de 10 kilómetros por hora. En troques de investirse no mantemento e mellora da rede fóronse suprimindo servicios ao eliminar liñas de longo percorrido e de cercanías. Recuperar ese enorme atraso é un obxectivo que a sociedade galega percibe xa como unha necesidade prioritaria para que o país non quede unha vez máis lastrado no seu desenvolvemento. Nos últimos meses o Goberno central está a proclamar a súa vontade de mellorar a rede ferroviaria galega presentando plans de investimento que se concretan incluso coa realización de estudios como o da saída sur de Vigo. Ábrese unha expectativa de ilusión que, de frustrarse, suporía un serio golpe para as esperanzas de todo un pobo que agarda incorporarse á nova Europa en pe de igualdade coas zonas máis favorecidas. Ante a importancia deste reto, débese abrir entre as institucións e axentes sociais un debate claro sobre o modelo de tren que queremos. Porque, ¿de qué estamos a falar cando nos referimos á alta velocidade para Galicia? Ninguén respondeu aínda con absoluta claridade. Se atendemos ao proxecto presentado recentemente polo Ministerio de Fomento comprobaremos como os tempos de viaxe calculados para o traxecto Vigo-Madrid superan as catro horas. Iso representa unha velocidade media moi inferior ós 300 kilómetros por hora, que son os que acada o tren que comunmente coñecemos como AVE, ese que xa une Madrid con Sevilla e que no futuro chegará a Cataluña e a Valencia. O financiamento previsto polo Goberno central para a modernización do ferrocarril galego prevé un investimento de 160.000 millóns de pesetas en sete anos. Se temos en conta que só a conexión dende o norte de Galicia a Portugal custará máis de 100.000 millóns, decatarémonos de que a cantidade manexada non abonda para completar as conexións coa meseta. A estas dúbidas podemos engadir outras como a total ausencia de proxectos para o enlace entre Ourense e Valladolid; a incógnita sobre se Vigo vai formar parte do enlace central coa meseta ou se converterá nun simple ramal de conexión con Santiago a diferente velocidade; ou a indefinición do Goberno portugués a respecto de se extenderá a súa rede de alta velocidade ata o Miño. ¿Estamos pois ante un proxecto de tren de alta velocidade ou simplemente fronte a unha mellora do trazado en Galicia para aumentar a velocidade media de circulación? Os pasos dados ata agora pola Administración central non están dirixidos a proporcionarlle a Galicia o ferrocarril que está a demandar. Galicia non precisa só que se recorten os tempos de viaxe en tren, senon a implantación dun servicio competitivo co avión en tempo e frecuencia. No que atinxe ao transporte de viaxeiros e ao de mercadorías. Calquera proxecto quedaría coxo sen incluír unha conexión efectiva do noso porto e das nosas zonas industriais coas grandes redes europeas. Calquera debate require definir claramente os obxectivos e absoluta honestidade no intercambio de información. Só así se pode conseguir un amplo consenso social. Aínda estamos a tempo de reconducir a situación antes de que se consolide un proxecto pacato que deixaría Galicia en inferioridade de condicións fronte a outras rexións. Outras discusións son nestes momentos secundarias. O trascendental é conseguir unhas infraestructuras ferroviarias acordes coas necesidades de Galicia e da súa principal área metropolitana.