ROSALÍA PAZO MASIDE COMENTARIO
28 jul 2001 . Actualizado a las 07:00 h.A Lei do 1% Cultural: unha medida de axuda á integración da arte nos espacios públicos; de orixe europeo, foi implantada en Galicia polo goberno autonómico en 1984 e malograda no 91 pola actual Xunta. En orixe esta lei consistía no incremento dos orzamentos públicos nunha porcentaxe coa que se dotaría de obras de arte ós edificios e construccións públicos do país. En Galicia púxose en práctica con desiguais resultados, escaso rigor e falta absoluta de seguimento dos traballos realizados. Pero o que de positivo había na letra da lei 11/ 84: a promoción da arte e dos artistas dentro dun espírito de colaboración coa enxeñería e a arquitectura, e a axuda á normalización cultural do país, desapareceu na lei 12/91. Dende entón aumentouse a porcentaxe ó 2% coa finalidade de financiar os Planos Xacobeos e os traballos dos Camiños de Santiago; dese 2% a cuarta parte investiríase nunha ambigua dotación artística dentro das rutas xacobeas galegas, esquecendo por completo a arte contemporána, é dicir, a arte que se está a facer no noso tempo (de feito, sabemos da adquisición de pezas con valor patrimonial, como mapas antigos, documentos históricos, mesmo a dotación económica do Premio polos Achados Casuais, pero que de ningunha maneira se inscriben no conceito actual de arte). Primar ó Xacobeo A usurpación é máis tendo en conta que o 1,5% restante ven a engrosar os investimentos que por outras múltiples vías orzamentarias obteñen os chamados Planos Xacobeos, e que, ademáis, os Camiños de Santiago están amparados pola Lei de Protección dos Camiños de Santiago, do ano 96. A Asociación Galega de Artistas Visuais elaborou no ano 99 o documento Proposta de Reforma da Lei do 2%, que melloraba e actualizaba os contidos da lei 11/84. Ese documento entregóuselles a tódolos grupos parlamentarios coa finalidade de que fora debatido no Parlamento Galego. Recentemente, a deputada do BNG, Pilar García Negro, presentou a Proposición de Lei do 1%. O debate parlamentario da proposición de lei do 1% celebrouse o 12 de Xuño, con resultado negativo, pois os votos da oposición ó completo non abondaron para contrarrestar os votos en contra dos deputados do PP. O rexeitamento da Proposición de Lei pola parte do grupo de goberno era previsible, xa que fora o propio goberno do PP o que substituira unha lei pola outra; o desalentador é comprobar, unha vez máis, o desinterese deste goberno cando se trata de debater temas culturais dende unha visión renovada, acorde coas inquedanzas dos seus administrados. Unha anécdota ilustrativa desta actitude foi o abandono da sala por parte da grande maioría dos deputados, incluido o Conselleiro de Cultura, Sr. Pérez Varela, cando chegou o turno de presentación da Proposición de Lei do 1% -claro que á hora de emitir o voto negativo todos ocupaban os seus escanos-. O posicionamento da portavoz do PP, Rodríguez Seijas, veu a corroborar esa actitude ó facer caso omiso dos razoamentos expostos sen se demorar no seu análise e ó se limitar a respostar dende obxeccións administrativas e legais de importancia intrascendente cara a viabilidade da lei. Críticas ó acaparamento abusivo de fondos para as campañas xacobeas, aportacións positivas como a conveniencia dunha lei de mecenado que estimule a promoción da arte en activo, o establecemento de mecanismos que posibiliten a xestión da arte por parte dos propios artistas, ou a implicación destes nos procesos de definición, execución e desenvolvemento das obras públicas foron formuladas infructuosamente dende a oposición ante a indiferencia de Rodríguez Seijas, quen rematou a súa intervención enxalzando «as excelencias da actual lei» e «a sensibilidade artística e patrimonial da actual Xunta de Galicia», e cifrando o éxito da política cultural do goberno nos resultados do Plan Xacobeo 99, é dicir, no número de visitantes, obviando calquera outra competencia dunha verdadeira política cultural. Ficamos á espera de coñecer a resposta por escrito ás preguntas que a representante do BNG dirixiu á Xunta e que deben aclarar a incógnita sobre o actual 0,5% de dotación artística, de obrigada aplicación, pero cuio máis que dubidoso destino haberá que constatar.