«Non é doado facer versións `heavys'' de himnos galegos»

B.R. SOTELINO VIGO

VIGO

Carlos Gandón, guitarrista do grupo de rock Astarot A banda de rock «heavy» Astarot, de Cangas, vén de publicar un disco co que pretende facer unha homenaxe á música galega a ritmo acelerado e a todo volumen. «O sentir dunha terra» inclúe versións «cañeiras» de clásicos populares como «A rianxeira», «Miudiño» ou «Negra sombra».

14 jul 2000 . Actualizado a las 07:00 h.

Carlos Gandón é o guitarrista de Astarot, banda de hard rock nacida en 1983 no Morrazo. Despois de catro discos no mercado con composicións propias, no quinto, O sentir dunha terra, céntranse en recrear cancións populares da música galega. _¿Como xurdiu a idea de facer un disco de rock tan atípico? _Respetamos moito a música galega e ocorréusenos facerlle unha homenaxe. Son temas que todo o mundo coñece pero se te pos a pensar, case ninguén ten esos discos así que pensamos xuntalos todos. Xa fixeramos algo así no anterior álbum compartido con The Refrescos coa canción Airiños, aires, de Los Tamara. E agora apetecíanos ampliar o proxecto. _¿Como está respondendo o público ante esta arriscada aposta? _Ben, aínda que é unha arma de dobre fío porque atreverse a facer versións cañeiras ou ó estilo de balada rock con cancións que son case himnos de Galicia non é doado. Á xente poderalle gustar máis ou menos e os puristas levaránse ás mans á testa pero o noso traballo está feito dende o respeto ós orixinais. _¿Foi complicado acadar a colaboración dos artistas invitados? _Un pouco, pero todos o fixeron a gusto. No traballo aportaron a súa imaxinación músicos de Fuxan os Ventos, Los Tamara, Susana Seivane, Heredeiros da Crus, Ávalon, Treixadura, Xesteira e Suso Vahamonde, na que foi a súa última colaboura. Foi moi emocionante a grabación e o último tema, o Miudiño, cantámolo todos xuntos. _E tamén hai cancións propias de Astarot... _Sí. Dous. Sempre fumos unha banda que compuxo os seus temas con personalidade propia no ámbito do rock e non queremos que o público se confunda con esto, porque seguiremos creando música nosa, nova e orixinal.