Luis Fernández: «No fútbol é moi complicado atopar persoas que te apoian de verdade»

TORRE DE MARATHÓN

Protagonista do último ascenso do Deportivo a Primeira, con só 32 anos o burelense pecha unha carreira que foi «unha montaña rusa total de emocións» e tratará de axudar coa súa experiencia a novos valores

15 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos rapaces da casa que contribuíron ao último ascenso a Primeira do Deportivo pecha a súa travesía polo fútbol profesional. Autor de cinco goles nos primeiros meses daquel 2013-14, Luis Fernández Teijeiro (Burela, 1993) despídese «orgulloso» das cicatrices que non lle impediron forxar unha notable carreira tamén con Lugo, Huesca, Alcorcón, UCAM Murcia, Asteras Trípoli, Khor Fakkan, Wisla Cracovia, Lechia Gdansk e Arenteiro. Aos 32 anos, perdeu a paixón que o moveu desde neno.

—Por que se retira?

—A miña carreira foi unha montaña rusa total de emocións, lesións... Sempre tiven moita disciplina porque sentía moita paixón polo que facía, pero agora naceu o meu fillo e el xérame moita máis paixón da que me xeraba o fútbol. Para facer as cousas por facer, sen deixalo todo, é mellor non facelas.

—Non buscou equipo estes meses desde a súa saída do Arenteiro?

—Non, a decisión estaba tomadísima. A miña última experiencia en Polonia foi moi complicada, supúxome un enorme desgaste mental e perdín a paixón por adestrar cada día. Vir ao Arenteiro foi un paso final para desfrutar dun grupo de traballo magnífico, de adestrar sen pensar tanto no resultado, pero xa tiña claro que isto acababa.

—E por que tardou en anuncialo?

—O meu entorno xa sabía que estaba retirado, pero quería pechar o capítulo oficialmente antes de comezar unha nova etapa. Quería publicar un vídeo de despedida, pero funo deixando ata agora.

—Que fará agora?

—Vou seguir ligado ao fútbol, montei unha axencia de representación. Creo que vou poder axudar a moitos xogadores con toda a miña experiencia a nivel deportivo e emocional, as vivencias por tantísimos países e culturas, os valores que adquirín e teño desde sempre. Podo transmitir moito neste mundo no que é tan complicado atopar persoas que te apoian de verdade.

—Que é o primeiro no que pensa cando lembra a súa traxectoria?

—Moitas cousas, pero un recordo imborrable será o ascenso co Deportvo a Primeira División, o primeiro gol en Riazor. Tamén os malos momentos que tiven, que me fixeron aprender, valorar ás persoas, darme conta de quen de verdade estaba comigo. Cada experiencia, boa ou mala, me fixo progresar e ser a persoa que son hoxe. Estou agradecido.

—Como foi dar o salto ao Dépor con 19 anos?

—É un orgullo tremendo ter chegado e haber conseguido un ascenso, pero non é fácil de encaixar. O Deportivo estaba nunha situación económica moi precaria e había moita presión nos rapaces da casa porque si ou si había que subir. Eu case era xuvenil, é complicado xestionar as expectativas, tes que ser moi forte mentalmente. Foi un proceso de adaptación difícil, rápido, pero fantástico. Tíñamos un grupo moi cohesionado e cun moi bo traballo subimos a Primeira.

—Sen tantas lesións, víase con posibilidades de xogar na Primeira División de España?

—Nunca tiven lesións musculares, sempre foron articulares, a nivel óseo... Que lle vou facer? A veces a xenética non é favorable. Quizais si, sen lesións puidera chegar máis lonxe, pero estou agradecido por todo o que vivín.

—Tivo que volver empezar desde o Fabril aos 24 anos. Como se leva un cambio así?

—Cando tes éxito sendo tan novo, é difícil encaixalo. Hai que ter humildade, encaixar as cousas como veñen e tirar para adiante, non quedar lamentándose. Foi duro, pero máis duro foi que pola lesión só puiden xogar cinco ou seis partidos.

—Despois chegarían os seus anos máis goleadores como profesional.

—Funme a Grecia porque quería empezar de cero nun fútbol diferente. Libereime moitísimo, empecei a desfrutar de verdade e foi cando mellor rendín e máis feliz fun.

—Que pode contar da súa experiencia nos Emiratos Árabes Unidos?

—Foi a primeira vez na miña vida na que estaba dispoñible e non contaban comigo. Era unha moi boa oferta, irrexeitable, pero aos cinco meses volvín a Europa.

—En Polonia sufriu un descenso.

—No Wisla foi un desastre absoluto a nivel deportivo. Xunto ao Legia, son como o Barça e o Madrid, e tíñamos un equipazo, pero baixamos á segunda división. Despois deixaron saír a todos os xogadores, menos a min. Polo menos, acabaron vindo moitísimos xogadores españois e sentinme moi a gusto. Dei o meu mellor nivel. Pasámolo moi ben dentro e fóra do campo.

—Acadou os seus soños de neno?

—Fun un neno ao que lle encantaba xogar ao fútbol. A veces xogaba cos da miña idade, despois cos maiores e, se podía, aínda ía ao parque a seguir xogando. Sempre o fixen por divertirme, primeiro no Burela e despois no Ural, ata que con 16 ou 17 anos me fun ao Deportivo e si que comecei a ter unha ilusión máis firme por ser profesional, máis alá do soño que ten calquera neno.

«Nunca esquezo un gol, pero o primeiro en Riazor foi unha liberación tremenda»

Os seus días en Riazor ocupan un lugar privilexiado na memoria do dianteiro burelense.

—Que adestrador o marcou máis?

—Os meus favoritos foron Munitis e Francisco.

—Que gol non esquecerá nunca?

—O primeiro que metín en Riazor, contra o Castilla, é o máis especial. Nunca esquezo ningún, acórdome de todos, pero ese foi unha liberación tremenda.

—Quen foi o compañeiro co que mellor se entendeu?

—Fixen amigos fantásticos polo camiño, non podería quedarme só con un.

—Algún o sorprendeu especialmente?

—Marchena foi unha loucura. É campión de Europa, era un defensa moi agresivo, forte, e parecía que non tiña calidade, pero vaia se a tiña...

—É que coincidiu cunhas cantas lendas no Deportivo...

—A Valerón non o vou descubrir agora, pero cando eu subía adestrar e me vía un pouco nervioso, dicíame: «Tú, pasámela a mí, que, si la pierdo, la pierdo yo». E nunca xamais a perdía. Ademais era superhumilde. Foi un luxo coincidir con el, con Manuel Pablo... Con xente moi importante no Deportivo.