Actuar de contado!

Avia Veira

TORRE DE MARATHÓN

Cantas alegrías teremos vivido no estadio de Riazor, e cantas angustias e disgustos tamén... Cantos milleiros de coruñeses e coruñesas acoden cada quince días ao estadio municipal a apoiar o equipo da cidade....

Riazor é o estadio de todas as coruñesas e coruñeses mais por todo o mundo é sabido que ten un grave problema nas súas cubertas. Cómpre lembrar que as responsabilidades canto ao noso estadio son compartidas entre o Dépor e o Concello e que, neste caso, a cuberta é competencia municipal: así o estabelece o convenio asinado no ano 2000, que debe ser revisado.

Tamén por moitas e moitos é sabido que o Goberno do Sr. Negreira tiña adxudicada unha obra na cuberta por valor de 2,6 millóns de euros mais, logo de diversas discrepancias sobre a viabilidade de execución da obra en Tribuna e Preferencia, logo de informes e contrainformes, o actual Goberno Local rescinde o contrato vixente.

Unha decisión que podemos compartir, desde o Grupo Municipal do BNG, mais que entendiamos que debía ir acompañada dunha actuación dilixente e rápida, cousa que non aconteceu: cun novo proxecto e con prazos que permitisen que a obra comece o máis rapidamente posíbel, xa que non se fixeran antes de que comezasen a competición e o inverno e, con el, as chuvias e o vento.

Advertiamos daquela que debíamos marcarnos prazos breves, para non termos que repetir situacións como a de abril do pasado ano: con peches dunha grada, o traslado de deportivistas a outras e a realización de obras parciais que non solucionaron o problema. E, por suposto, pediamos que se actuase de contado tendo en conta o estado das cubertas e os temporais que adoitan azoutar a nosa cidade e para evitar vivir situacións coma a que finalmente se produciu o pasado 3 de febreiro.

Diciamos naquela altura, en outubro do ano pasado, que para gozarmos todas e todos do noso Dépor con seguridade e tranquilidade, tocaba actuar de contado. Segue sendo necesario actuar con axilidade para atopar unha solución definitiva. 

Avia Veira é portavoz do grupo municipal do BNG