María Mera: «Cando finximos estamos alimentando un monstro»

Patricia Calveiro Iglesias
patricia Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

TELEVISIÓN

María Mera, presentadora de «Malas pécoras»
María Mera, presentadora de «Malas pécoras» TVG

A presentadora conduce «Malas pécoras», o programa sobre sexo que Televisión de Galicia emite os sábados no horario de máxima audiencia

04 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Mala Pécora: Muller que obra con maldade. Esa é a definición da Real Academia Galega, pero María Mera (Boqueixón, 1986) e Eva Iglesias (Rianxo, 1987) chegaron para darlle a volta ao conto. Na segunda tempada do seu programa Malas pécoras (este sábado ás 22 horas, en TVG) veñen a demostrar que falar de sexo sen filtros, sen tabús e dende unha mirada feminina non é nada malo. Todo o contrario, a boqueixonesa defende a necesidade dun formato coma este na televisión pública: «Hai que normalizar o sexo e o amor porque é o que move o mundo. Se hoxe estamos aquí é porque todos tivemos sexo».

—Son as dez da mañá, parece que a estas horas custa un pouco falar de sexo, non?

—Por que dis iso? Pois eu penso que pola mañá é a mellor hora para ter sexo e creo que calquera hora é apetecible para falar de sexo. Por que non? Tratalo con normalidade, en calquera momento e circunstancia, tamén é unha forma de darlle o valor que debe ter e o lugar que debe ocupar.

—Iso precisamente fan en «Malas pécoras», pero que traen novo nesta tempada?

—Seguimos un pouco na liña da primeira, porque gustou moito, pero o que máis resalta desta tempada creo que é a calidade dos contidos. Fomos investigando sobre os temas que máis lle gustaban á xente e traendo a expertos de cabeceira para que nos falasen diso, dende distintos puntos de vista: o dun sexólogo, dunha matrona, do psicólogo... Ademais, agora os nosos convidados entran nesa conversa para que lle poidan preguntar e facemos unha entrevista un pouquiño máis aberta. Tamén incorporamos un punto, digamos, máis de comedia ou divertido con Roi Méndez, que converteuse no noso Detective Sexual e vai facer unhas reportaxes especiais fóra do plató para achegarnos a outros temas.

—Falar de sexo entre amigos está ben, pero supoño que custa máis tratalo sen cancelas diante da cámara.

—A min poucas veces me pasa, co tempo e coa experiencia algo máis, pero é moi guai chegar a ese punto no que te esqueces que estás diante dunha cámara e sentes que estás como falando cos amigos. Foi algo que conseguín neste programa, a pesar de que era unha aposta arriscada.

—E, sendo muller, non sei se se sinte nalgún momento xulgada...

—Si, iso si. Isto está moi impregnado na sociedade. Por iso a min me gustou moito este proxecto. Son unha muller á que lle gusta superar retos, ir un pouco fóra da norma e dar ese golpe na mesa. Penso que esta era unha aposta necesaria que facía falta na tele. É un programa presentado por mulleres, dirixido tamén por unha muller, e falando de sexo desde o punto de vista da muller. Porque estamos máis acostumados a que falen de sexo máis os homes, non sei por que. E o pracer feminino onde queda? Por desgraza, fálase ben pouco del e é bastante máis descoñecido.

—Os convidados son unha peza clave deste «talk show». Algún descubrimento nesta tempada?

—Uf... hai moitos! Empezamos con Touriñán e Perdomo, que xa son dúas bombas. Vai vir a muller de Kiko Matamoros, que foi outro descubrimento. En xeral, é moi interesante ver os distintos perfís porque cada un ten as súas propias experiencias e medos, e van marcando o ritmo do programa. Todo axuda a abrir a mente.

—Agora que xa rompemos o xeo, que diría que descubriu demasiado tarde sobre o sexo?

—Pois igual descubrín tarde que debo pensar máis en min. As mulleres temos na nosa sociedade ese rol instaurado de compracer aos demais e moitísimas, a día de hoxe, non saben aínda o que é un orgasmo. Non podemos permitir iso. Temos que ser capaces de verbalizalo e dicirlle á persoa que está contigo que iso non é o que che gusta. Cando finximos estamos alimentando un monstro.