«Urbano e Sabela estaban condenados a atoparse algún día»

beatriz pallas denis hiault REDACCIÓN / LA VOZLONDRES / AFP

TELEVISIÓN

Os habitantes da vila farán de celestinas entre o policía local e a doutora

12 nov 2012 . Actualizado a las 17:44 h.

Todo Louredo está ao tanto do interese de Urbano por Sabela. Esta noite, en Padre Casares, moitos intentarán facer de celestinas entre a doutora da parroquia e o policía local encarnado polo actor Xavier Estévez.

-¿Chegará a bo porto o asunto de Urbano e Sabela?

-Son dous personaxes ausentes da realidade, que viven moi pechados no seu propio mundo e estaban condenados a atoparse algún día. O policía e a doutora son dous personaxes que serían moi importantes na vila noutro tipo de serie, pero aquí son uns miñaxoias. Maite dase conta de que se gustan, así que ela e Sindo farán de celestinas para intentar que acaben bailando xuntos. Xa veremos se a cousa vai callando... Haberá sorpresas e cousas inesperadas.

-Hoxe tamén se anuncia alboroto na vila a conta da herdanza que recibe don Rodrigo. ¿Que pasa en Louredo que todo o mundo herda fortunas?

-Paréceme a min que iso xa vai quedar aí. Tocoulle a Puri e agora ao cura, pero aos miñaxoias non nos toca nin un can, quedamos a dúas velas co noso posto de funcionario.

-Mentres non lles toquen os recortes...

-Polo de agora, non, pero non me estrañaría nada que a Delmiro, o alcalde, se lle pasase pola cabeza.

-¿Como ve ao seu personaxe de Urbano nesta temporada?

-Os guionistas déronlle máis cancha. Urbano está máis introducido en todas as tramas, máis integrado no pobo e con máis relacións persoais cos demais. Estou moi contento con isto, porque enriquece moito o personaxe.

-O desta noite será o capítulo 153 da serie e segue atrapando ao público como o primeiro día. ¿Cal é a clave?

-É algo similar ao que lle pasou a outras series de Voz Audiovisual, como Mareas vivas, Terra de Miranda ou As leis de Celavella, que plantexan situacións da vida cotiá pero contadas por personaxes que fan que esas situacións sexan choqueiras. No caso de Louredo, é un pobo onde a todo mundo váiselle un pouco a pinza, pero máis alá diso todos os espectadores se poden identificar con esas situacións.