Lúa Testa: «Sabela é boa e inxenua»

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

TELEVISIÓN

O personaxe de Lúa Testa alcanzará a celebridade en San Antonio de Louredo.
O personaxe de Lúa Testa alcanzará a celebridade en San Antonio de Louredo. benito ordóñez< / span>

A actriz estrea hoxe ás 22.30 na TVG o novo personaxe de «Padre Casares»

15 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

En San Antonio de Louredo hai unha nova protagonista, Sabela. Lúa Testa é a actriz que pon vida neste personaxe que vai ter que gardar algúns segredos diante dos seus novos veciños.

-¿Como é o seu personaxe?

-Sabela fuxiu do convento nun impulso. Ten unha dualidade nas súas vocacións porque ten vocación relixiosa e ten vocación científica. Aínda que as dúas son para axudar á xente, como monxa e como médica, non pode desenvolvelas xuntas. Chega a Louredo por casualidade e quere pasar desapercibida, pero pronto se dá conta de que non pode ser.

-¿Como é o encontro cos veciños?

-Ao primeiro resúltalle impactante porque cada personaxe ten as súas rarezas. Pero ela tamén ten as súas cousas, ten un segredo e pode ser que sexa un pouco friki, pero segundo vai pasando o tempo vai encontrándose máis cómoda e acaba por sentirse como unha máis da vila, integrada.

-Para una actriz que ten que estrear personaxe fronte a outros xa moi consolidados, ¿como é o traballo?

-É unha sorte porque entrar nunha serie de calidade e avalada polo público cada temporada ofrece moitas posibilidades. Tamén supón un reto persoal e traballei moitísimo para que o meu personaxe encaixara nunha trama con personaxes xa feitos. Quixen chegar ao nivel que ten a serie para que o personaxe sexa aceptado polo público.

-¿En que consistiu o traballo?

-Sabela é moi diferente a min, incluso fisicamente. Fixemos un traballo moi grande para encontrar o carácter en parte por encontrar unha distancia porque é un personaxe singular pero a moita distancia de min. Houbo que ir facendo todo o deseño. É unha muller moi inxenua e quizais calquera adolescente pode saber máis da vida ca ela. Non ten ferramentas como a ironía para defenderse ou para protexerse do que lle din, pero iso tamén pode ser parte do seu engado.

-¿Como vai evolucionar?

-Haberá sorpresas. Ten unha parte moi bonita como personaxe porque ela é moito de axudar. É inxenua e tamén é boa. Ten bondade pero tamén é moi insegura e ten necesidade de gardar o segredo. Canto máis coñecida é na vila máis problemas porque ela quere pasar desapercibida para que non saiban de onde procede, pero os veciños de Louredo son moi seus, sobre todo despois do que ocorre no capítulo de hoxe. Ela vaise ir adaptando, pero vai ter que pasar a súas aventuras.

lúa testa actriz