Suso Lista: «Cobiñas e eu levámonos marabillosamente mal»

Manuel Costoya
manuel costoya REDACCIÓN / LA VOZ

TELEVISIÓN

A serie «Para mariñeiros, nós» regresa a V Televisión cunha tira diaria e un programa os venres

16 sep 2011 . Actualizado a las 18:46 h.

O humor con aroma a salitre estreou nova temporada en V Televisión. De luns a xoves emítese unha tira cómica diaria, ás 19.50 horas, e os venres un programa resumo a partir das 21.45. Jesús Lista Neira, Suso Lista, (Corme, 1962) interpreta a Pinto e escribe os guións da serie.

-¿Qué sensacións teñen para esta nova temporada?

-Tiña moitas gañas de que se comezase a emitir, porque para min é a mellor de todas, a nivel profesional, artístico e de calidade dos guións. A verdade é que estou emocionado. É un humor cen por cen galego é único.

-Este ano, a serie incorpora moitos cameos de famosos.

-É unha particularidade da serie. Desde que saímos en V Televisión collemos máis sona e entón, chames a quen chames, dá gusto, porque todo o mundo está encantado de participar.

-Fale de nomes

-Pois participan Manuel Lourenzo, Xurxo Souto, Santi Romay, Rosa Cedrón, Quico Cadaval e Silvia Penide, entre outros. Gústanos o contraste. Algúns deles fan o contrario do que son. A Jorge Mira (físico e divulgador científico) puxémolo como o máis burro do mundo.

-¿Como seguen as cousas entre Pinto e Cobiñas?

-Levámonos marabillosamente mal. Describe perfectamente a nosa relación. Coma dous irmáns, coma dous curmáns... coma dous amigos. Coñecémonos desde hai trinta anos e somos de pobos diferentes e enfrontados. É unha dicotomía moi galaica. Ou somos do norte ou do sur, das rías ou do monte, de Corme ou de Laxe. Sempre hai esta dualidade que está moi reflectida na serie.

-Cambiaron moito as cousas desque comezaron con «Para mariñeiros, nós» en Internet.

-Pasamos de facer dúas curtas ao ano a facer trescentas. Ao principio foi agoniante, porque na televisión vai todo moi rápido. Pero ver como progresas, como melloras, é un estímulo impagable.

-Estiveron nominados, o pasado ano, aos premios Mestre Mateo como mellor ficción. ¿Qué tal foi a experiencia?

-Puxen un traxe, e todo para ir á gala, que me sentaba moi ben. Foi unha marabilla poder alternar cos actores de Matalobos e de Padre Casares e coa xente do mundo audiovisual de Galicia. Non gañamos, pero estivemos. A ver este ano.

suso lista actor que interpreta a pinto en «para mariñeiros, nós»