Os trinta vídeos do ano, en «V Clips»

La Voz REDACCIÓN/LAVOZ |

TELEVISIÓN

O espazo musical repasa os mellores traballos de artistas galegos desde hoxe ao 31 de decembro

13 dic 2010 . Actualizado a las 10:24 h.

V Clipso espazo que cada día ofrece en V Televisión os vídeos musicais dos artistas galegos, pecha o ano por todo o alto coa selección dos 30 mellores deste ano 2010. Ese referente temporal e a calidade foron os únicos criterios para elaborar un ránking que se desvelará entre hoxe e o 31 de decembro. Ata o venres, o protagonismo recaerá na parte baixa da táboa, os clasificados entre o 30 e o 21. A vindeira semana, coñeceremos os postos do 11 ao 20 e na derradeira do ano descubrirase cales son os dez mellores clips realizados en Galicia durante os últimos 365 días.

Para esa selección, os responsables do programa tiveron que facer unha escolma entre os centos de vídeos recibidos e emitidos nos seus sete meses de vida. Pese a que os anteriores ao 1 de xaneiro foron automaticamente descartados, as cousas non foron doadas, dada a variedade e calidade dos traballos. O pop, o rock, o indie, o hip hop, o punk? ningún estilo quedou fóra deste ránking, pero tampouco técnica narrativa algunha. Vídeos gravados coa cámara dun teléfono móbil comparten clasificación coas achegas de directores consagrados. A imaxe real, a animación, as obras case artesanais e as realizadas coa máis moderna tecnoloxía informática... Un auténtico catálogo da explosiva creatividade que rodea á escena musical galega. Entre os artistas, veteranos consagrados como Siniestro Total, Ruxe Ruxe, Lamatumbá ou Silvia Superstar danse a man con grupos descoñecidos, aínda para o grande público pero que gozan de status de auténticas estrelas no seu estilo (como os pontevedreses Delahoja, número 1 na lista de hip hop da MTV esta semana, ou a banda de Boiro Triángulo de Amor Bizarro, referencia indiscutible no indie estatal). Onda eles, algunhas das revelacións do último ano, como Misterioso Viaje Holanda, Nouvelle Cuisine ou FainoTi. Se ollamos cara aos realizadores, a nómina non ten nada que envexar: Jorge Coira (quen triunfa nos cines con 18 comidas), Iván Mena-Tinoco (traballou en Harry Potter ou Piratas del Caribe), Juan Pablo Etcheverry Minotauromaquia, La flor más bonita del mundo), Jairo Iglesias, Javi Camino...

O espazo dos músicos galegos

Dende o primeiro día de emisión de V Televisión, V Clips foi unha aposta clara. A de crear unha ventana aberta á creatividade dos músicos e realizadores galegos que, unidos, dan forma ao que en ocasións chegan a ser auténticas obras mestras de pouco máis de tres minutos de duración. Pero xa no outono, co arranque da nova temporada, esa aposta inicial reforzouse.

O saúdo de Marky Ramone á audiencia foi o pistoletazo de saída da nova etapa. Duplicábase o espazo na grella (de media hora a unha hora diaria) e aumentaban os contidos. Xa non sería só unha sucesión de clips. Agora, inclúe entrevistas a solistas e grupos, noticias e unha nutrida axenda. A súa repercusión comeza a ter reflexo tamén nas redes sociais. O seu recente grupo de fans en Facebook sobrepasa xa os 600 membros e está a converterse nun punto de encontro para todos os relacionados con este mundo.