A liga galega de traíñas, en directo

La Voz REDACCIÓN/LA VOZ |

TELEVISIÓN

A cadea privada emite hoxe desde as 11.15 a XX Bandeira do Concello de Oleiros (A Coruña)

11 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

V Televisión emite por primeira vez na súa curta historia unha proba deportiva en directo. Trátase da XX Bandeira de Traíñas do Concello de Oleiros, na Coruña, puntuable para a liga galega, unha das competicións máis importantes deste deporte no norte de España. A regata comezará a partir das 11.15 horas e terá unha duración aproximada de case dúas horas.

Esta é a cuarta proba desta competición, na que participan as dezasete tripulacións máis representativas de Galicia. Esta edición da Bandeira de Oleiros volve realizarse no campo de regatas habilitado no miradoiro de Nirvana, coma xa se fixo na pasada, desde onde as traíñas tomarán rumbo ao mar aberto para entrar no campo de regatas e realizar catro quendas de 5.556 metros.

A situación desta localización fai da regata deste concello da Coruña unha proba máis técnica, ao ter as embarcacións que remar nun medio máis mariñeiro a mar aberto, sobre todo se no día da proba as condicións así o permiten.

Entre os favoritos para gañar a bandeira están Sabartolameu de Meira, actual dominador da clasificación desta liga con 48 puntos, seguido moi de preto por Chapela e Amegrove.

Unha patroa en Perillo

Tamén participará nesta proba a formación local, o Clube de Regatas de Perillo, que presenta un equipo renovado do que forma parte a única muller que exerce de patroa nesta liga en disputa.

Nesta edición repartiranse en premios unha cantidade de 11.000 euros entre os equipos participantes, ademais da bandeira de honra ao gañador da proba, que recibirá unha achega económica de 1.600 euros. No campionato galego de traíñas participan actualmente nove embarcacións pertencentes a concellos da provincia de Pontevedra e sete da Coruña.

Nesta proba, os espectadores de V Televisión poderán seguir a evolución das traíñas a través das cámaras situadas no estratéxico mirador de Nirvana, sempre que as condicións do tempo sexan boas.