Beiras ocupa xa o seu lugar na historia de Galicia

Mario Beramendi Álvarez
Mario Beramendi SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Centos de cidadáns encheron Bonaval nunha multitudinaria e sentida despedida a quen foi o gran referente do nacionalismo galego

11 oct 2026 . Actualizado a las 21:10 h.

Pouco antes das once da mañá, o féretro de Xosé Manuel Beiras subiu polas escaleiras de Bonaval, camiño do Museo do Pobo Galego, xusto o mesmo percorrido que hai case medio século fixo Castelao, hoxe enterrado xusto ao lado, no Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa de San Domingos. Seis horas despois, Beiras fixo o camiño de volta polo mesmo lugar, pero nesta ocasión ante unha multitude, emocionada e entusiasta, que aplaudía e profería consignas. Unha multitude que se quedara fóra por problemas de aforo e que mostraba que a deste venres foi, sobre todo, unha despedida popular, porque a xente do común foi gañando protagonismo a medida que avanzaba a xornada para darlle o último adeus ao político. Como Amalia e Virginia, nai e filla, veciñas de Brión, das poucas que accederon á sala a primeira hora, cando empezaban a chegar as autoridades para despedilo e que acabaron entrevistadas para a súa sorpresa.

De portas a dentro, no auditorio no que se velaba o corpo, sobre o cadaleito cuberto coa bandeira da serea de Castelao posaban unhas rosas e o seu chapeu; e ao lado, unha foto súa, con esa mirada azul e eléctrica, coma se aínda estivese disposto a dicir algo. Pero non, era un efecto óptico, unha fantasía. Porque talvez as cerimonias fúnebres sirvan para iso, para alimentar o soño dos que quedan, para aplacar a dor ante a inevitabilidade da morte, ese adeus eterno. De Beiras, polo menos, xa hai a certeza de que ocupa un merecido lugar na historia de Galicia.

Luis Soto interpreta unha peza coa frauta na homenaxe pública a Beiras
Luis Soto interpreta unha peza coa frauta na homenaxe pública a Beiras Paco Rodríguez

Foi a de hoxe unha xornada de voces entrecortadas, de bágoas, de sorrisos, de recordos e de afectos para dar o último adeus a unha figura política irrepetible, monumental e poliédrica. Porque este venres despediuse a un só Beiras e a moitos á vez; ao veciño de Brión, ao economista, ao profesor e académico, ao melómano, ao amante da pintura e da literatura, ao activista político, ao conversador pausado, ao orador febril e irascible. Difícil reunir máis facetas, de aí a admiración de moitos, mesmo dos que se moveron noutras coordenadas ideolóxicas. De quen estivo ao seu lado xa se espera. Por iso a importancia que ten, en días así, o recoñecemento doutras voces. Nas autonómicas de 1997, o BNG liderado por Beiras obtivo 18 escanos, e logrou pasar ao PSdeG, cuxa candidatura á Xunta encabezaba entón o actual alcalde de Vigo, Abel Caballero. Poucos o agardaban hoxe en Bonaval, pero o rexedor brindoulle unhas emocionadas palabras en recoñecemento á importancia que tivo na súa carreira académica: «Unha persoa insubstituíble, notable e marabillosa. Galicia perdeu un home excepcional». Díxoo pouco antes de que fixese acto de presenza en Bonaval Camilo Nogueira, outro dos grandes líderes do nacionalismo galego, durante moito tempo o contrapunto de Beiras nese espazo ideolóxico, e que este próximo mes de novembro cumprirá 90 anos. A pesar da súa saúde crebadiza, quixo tributarlle un último adeus.

Tamén acudiron á despedida os expresidentes da Xunta, Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño. E o exvicepresidente Anxo Quintana, que foi quen o substituíu como líder do BNG. Beiras tamén recibiu o recoñecemento e afecto do conselleiro de Cultura, José López Campos, do PP, que acudiu acompañado de Paula Prado, secretaria xeral do partido, e de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asistiu tamén á despedida de Beiras e alí destacou «o compromiso que tiña co noso país»: «Quédome cos momentos compartidos e coa capacidade que tiña Beiras de ampliar horizontes, compartir, xerar alternativas, pensando nesa Galicia que necesita xustiza social para avanzar». 

Non faltaron persoas próximas a Beiras e moi importantes na súa vida, amizades quizás menos coñecidas para o público. Como o arquitecto César Portela, que naceu o mesmo ano ca el, con quen tivo unha estreita amizade que se remonta xa aos tempos da Transición, cando Portela levou o Colexio de Arquitectos de Galicia, gran axitador cultural, un lugar onde se facía política e que era un gran laboratorio de ideas. Poucos repararon na súa presenza, que pasou case desapercibida. Tamén, no plano político, de dúas das persoas que estiveron sempre a carón del, como Mario López Rico ou Luis Eyré, xa desde os tempos do PSG, no BNG e na posterior aventura política abandonando a fronte nacionalista. Figuras que facían un traballo de base orgánico que permitiu a Beiras dedicarse a liderar.

Tamén a exconcelleira Encarna Otero e, sobre todo, neses últimos anos, o que fora rexedor de Teo e Compostela, Martiño Noriega, moi emocionado, e que interveu no acto de homenaxe da tarde. Noriega enxalzou a súa figura «única e irrepetible». «Polos rueiros da nosa historia marcha paseniño o noso comandante sen exército para unha revolución», despediuse, remedando a mensaxe que xa o xoves lle dedicara nas súas redes sociais. Foi a de hoxe unha xornada de moita carga poética e tamén de contrastes, o que amosa a versatilidade da súa figura; porque polo Museo do Pobo Galego pasaron figuras da cultura institucional, como o catedrático Ramón Villares, Víctor Freixanes ou o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, pero tamén Toñito de Poi, un dos integrantes de Heredeiros da Crus.

Pola tarde, distintas persoas foron tomando a palabra para homenaxear a Beiras. O deputado Gerardo Pisarello (Comuns), por exemplo, participou para se definir como un «republicano beirista» e cualificou o político galego como un «gigante», «maestro» e «padre político». Ao lado, de pé, escoitando, a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartin, do BNG, fronte que contou cunha nutrida representación na despedida de Beiras. Alí estaba a súa portavoz, Ana Pontón, as deputadas Olalla Rodil e Montse Prado ou o deputado no Congreso Néstor Rego.

A admiración por Beiras alén de Galicia puido verse nas coroas de flores enviadas á cerimonia. Aí estaban as de forzas como Sumar, ERC, Bildu e Más Madrid, entre outras. O escritor e exdeputado no Congreso por En Marea, mais procedente de Anova, Miguel Anxo Fernán-Vello, foi o encargado de facer a primeira intervención, recoñecendo a «máxima honra» de despedir «o mestre e amigo». Así o dixo nunha sala ateigada de xente, que quedou pequena para os centos de persoas que se achegaron para dar o seu último adeus a Beiras. Tanto que moitas tiveron que seguir a homenaxe desde fóra.

Ricardo Beiras García-Sabell, o fillo maior do xa histórico intelectual, foi o encargado de falar en nome da familia e foi quen trazou o retrato máis humano de seu pai, ao que se referiu como un home que se sentía cómodo entre a xente do común e que foi tamén doutro tempo, pola súa erudición e por ter a solidariedade como valor de referencia nun mundo cada vez máis ferozmente individualista. Tamén falou do seu pai como un home presumido, o que desencadeou uns risos dos presentes. Ricardo referiuse tamén a unha faceta descoñecida do seu proxenitor, a súa querenza pola xeografía. «Talvez vén da súa admiración por Otero Pedrayo, pero coñecía cada estrada, cada recuncho, cada montaña, cada val», lembrou o seu fillo. Coñeciamos o Beiras lector, activista, que tocaba o piano, pero non o xeógrafo. Uns risos que deron paso á melancolía, ao volver tomar a frauta Luis Soto para interpretar, como despedida, Alfonsina y el mar, unha canción que o propio Beiras adoitaba tocar no seu piano da Reboraina, a súa casa en Brión, en recordo da súa muller, Aurichu Pereira, falecida hai agora tres anos. Unha ausencia da que nunca se chegou recuperar.

Ao final da cerimonia de despedida soaron as gaitas e o himno galego. Unha multitude que non puido acceder ao auditorio, e que se amoreaba ao redor do claustro de Bonaval e fóra do recinto, cantaba a letra de Eduardo Pondal puño en alto. Moi emocionada, rendeulle un tributo de aplausos que durou case vinte minutos. O cadaleito baixou por fin as escaleiras ao ritmo do antigo himno do Reino de Galicia. Era a despedida definitiva, o verdadeiro último adeus. Pero quedaba por responder a pregunta que fixera pouco antes na homenaxe o seu gran amigo e pintor, Ánxel Huete: «E agora que facemos?».