Percorrer Galicia a golpe de rumba

La Voz REDACCIÓN/LA VOZ. |

TELEVISIÓN

«Sobre rodas» presenta a un dos condutores dos camións da orquestra París de Noia

06 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

V Televisión presenta esta noite, a partir das 21.38, Sobre rodas , o programa que cada semana fai un seguimento de persoas que manexan medios diversos con fins singulares.

E se alguén ten traballo este verán, ese é Marcos. A vella dicotomía dos anos sesenta entre que era mellor, The Beatles ou The Rolling Stones pode trasladarse a Galicia no mundo das orquestras. Xa saben, ese dó entre a París de Noia e a Panorama , que co permiso doutras moitas que están na primeira división deste tipo de música, loitan polo título de mellor formación de Galicia. E é que as cousas, duns anos ata o de agora, cambiaron moito, e para ben. O despregue dalgunha delas para un concerto, en moitos casos, non ten nada que envexar á de grupos doutros estilos musicais, en canto a potencia de son, luminotecnia e posta en escena.

Marcos forma parte do equipo da París de Noia. E o condutor dun dos camións que forma parte do seu escenario móbil. O programa, desvelará, coa súa axuda, as entrañas dunha orquestra que leva máis de 50 anos en activo. Marcos encárgase do transporte e montaxe do escenario, un traballo moi duro, sen dúbida. Este profesional non lembra os quilómetros que leva xa no peto. Este verán, como os últimos, non ten respiro. Coñece como poucos a xeografía galega e é capaz de mover un camión de gran tonelaxe por camiños polos que parecía impensable que puidera pasar un vehículo coma o que conduce.

Para Marcos, o verán non é un tempo de gozar. Para iso están os milleiros de persoas que asisten aos concertos dunha das orquestras galegas máis demandadas e cunha axenda de compromisos repleta nos meses de xullo e agosto.

Tamén, os espectadores de V Televisión coñecerán neste programa a Anxo. Dedícase ó transporte público, pero perde a cabeza polas dúas rodas, as da súa Yamaha Virago de 1.100 centímetros cúbicos.

É un taxista de profesión é moteiro de vocación. En S obre rodas se coñecerá como é o día a día no seu servizo, e os problemas deste colectivo.