«Non sei a quen lle fai dano un programa coma este»

La Voz

TELEVISIÓN

16 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Xosé Ramón Gayoso non está canso de Luar . «Eu quero moito este formato, deumo todo en televisión», e responde ás críticas que se lle fan cun sinxelo razoamento: «Non sei a quen lle fai dano un programa coma este».

-É vostede o presentador en activo máis antigo da TVG.

-O máis vello si, pero non a primeira cara que sae nesta televisión. Foi Dolores Bouzón, que xa morreu. Saúda o público e anuncia unha conexión con San Marcos para a inauguración da TVG. Alí estaba eu, e ata hoxe, aquí estamos.

-Os rexistros de «Luar» foron sempre moi altos. ¿Cómo ve esta temporada, con tanta oferta e cunha acusada fragmentación da audiencia?

-Inevitablemente a xente que traballamos en televisión estamos moi atentos á audiencia. Pero non hai que esquecer que ata hai pouco había catro ou cinco ofertas televisivas e agora son trinta. A audiencia da TVG descendeu... a de TVG a da TVE, a de Telecinco. Baixamos todas, pero non porque o fagamos mellor ou peor. Descendemos todas porque de súpeto apareceron moitas cadeas máis. Por tanto, nos rexistros que nos movíamos o ano pasado van ser imposibles este en Luar. Vainos pasar a nós, a Padre Casares , a Gran Hermano .

-¿A canto aspiran en termos de audiencia? Non vale responder ao máximo que poidamos.

-Estar por riba dun 17% sería moi forte, e se me apura, nestes dous primeiros meses chegar o 15% non estaría mal. Hoxe falar dun 20% de seguimento son palabras maiores é un éxito estratosférico.

-¿Ten «Luar» estreiteces económicas esta temporada pola crise?

-Si, claro, e por convicción persoal e profesional. Facemos un produto caro e todo custa moito, pero hai que ser consciente da realidade do país e apertar o cinto.

-¿Virá entón menos veces Manolo Escobar?

-Imos movernos coa mesma axenda que tiñamos ata o de agora, porque os artistas tamén notan a crise. Pedirémoslles un esforzo para que, cando menos, non nos pidan máis cartos.