Bo amigo de Jorge Luis Borges, foi cualificado polo arxentino como un galeguista irredutible Amancio Liñares fai novas achegas sobre o boirense que sufriu o exilio en Estados Unidos
20 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.«Hombre de su tierra, de Galicia, era uno de los mejores amigos que yo tuve en esta vida. Claro que usted, probablemente, no lo conocerá. Me imagino que allá será como acá, que a los grandes les tocará ser poco conocidos». É este un dos comentarios que Borges lle fixo no 1987 ao xornalista Perfecto Conde sobre Ramón Martínez López, unha figura que cobra actualidade ao cumprírense os cen anos do seu nacemento en Cimadevila. É ademais unha das numerosas achegas incluídas no novo traballo de investigación co que Amancio Liñares conmemora o centenario dun polígrafo e intelectual boirense condenado ao exilio por defender Galicia. Galicia en clave universal. Ramón Martínez López, Moncho para familia e amigos, pertence a ese grupo de singulares galegos que concibiron a afirmación da súa identidade como un imperativo moral. Ou, máis ben, vital. E viviron xa que logo en consecuencia, na procura de afortalar o lugar de Galicia no mundo. Corrían tempos de persecución e miseria, anos nos que manifestarse galego supoñía estar en perigo de morte. Dende o estalido da guerra civil no 36, que obrigou a Martínez López a escapar polo Miño cara a Portugal, a vida deste barbanzán confeso, membro do histórico PG (e do refundado), foi un fatigoso ir e vir do Portugal salazarista a Francia, de Francia a Arxentina, de Arxentina a EE.?UU. Ata o seu regreso definitivo a Galicia, no ano 71. Amigo de Unamuno e Valle-Inclán (quen xogaba co seu pai ao «tresillo na botica da Pobra»), este bibliómano boirense protagoniza unha boa anécdota con Castelao no ano 40: cruzáronse, cada un nun barco, fronte ás costas do Brasil, Moncho cara a Norteamérica; Daniel, cara a Arxentina. «Foi a última vez que vin a Castelao, entre a brétema, na lonxanía», relatou quen sería tempo adiante primeiro presidente da Fundación Castelao. Liñares fai en cinco capítulos o retrato dun home que sufriu o desterro sen o protagonismo que acadaron os exiliados no sur do continente. Estampas do seu labor intelectual e pedagóxico na cidade texana de Austin (onde botou máis de trinta anos), detalles da súa infancia e mocidade entre Boiro e Ribeira , os anos de estudante de Dereito en Santiago, o seu papel na xestación do Seminario de Estudos Galegos, as súas vodas de ouro con Isabel Castromán, «a raíña de Arousa»; o ingreso na RAG¿ Son só algúns dos acontecementos que Liñares achega sobre un intelectual que no 2007 tería cumprido os cen anos. O home morreu en Pontevedra en 1989, pero o nome permanece.