«A modernidade é a marca da literatura galega»

Ana Abelenda Vázquez
Ana Abelenda REDACCIÓN

TELEVISIÓN

Vén de presentar oficialmente a novela «Os paxaros tamén migran ao sur», unha historia sobre a (in)comunicación ?humana coa que acadou o Premio Terra de Melide 2006

28 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

Ourensán do 64, Silverio Cerradelo acadou o Premio Terra de Melide 2006 cunha obra que denuncia a incomunicación humana nas grandes cidades, a loita dunha muller por ser feliz nun mundo hostil e a vulnerabilidade dun home que se abre completamente á vida. Os paxaros tamén migran ao sur narra unha intensa historia de amor que transcorre en Barcelona, cidade á que Cerradelo se mudou aos 15 anos e na que reside actualmente. «É unha cidade que me marcou emocionalmente», afirma. -¿E as súas terras de orixe, as da Limia, non lle marcaron? -Absolutamente. Esa parte de min é moi profunda. É que eu son galego [con énfase]. -O libro preséntase como unha denuncia da sociedade consumista posmoderna. -As sociedades urbanas nas que vivimos non deixan espazo para a felicidade. Non hai tempo para a comunicación. Imponse o materialismo e o diñeiro convértese en deus. Nese contexto, palabras como tenrura desaparecen do vocabulario. -Na obra, en cambio, abondan a tenrura e a sensualidade. ¿Pódese cualificar como erótica? -A miña intención era presentar a sexualidade como o modo de acadar a comunicación humana máis profunda. Como di o Jordi [un dos protagonistas]: «O sexo é o infinito humano». -O libro, ademais de en galego, está editado en castelán e catalán. ¿En que lingua o escribiu primeiro? -Atravesei un proceso de experimentación cos tres idiomas e cheguei á conclusión de que eu tiña que escribir en galego. É a lingua na que sinto máis emoción. -¿Morrerá o galego? -Mentres eu estea vivo, haberá un falante de galego. Se medra a conciencia lingüística, non morrerá. -¿Como ve o panorama literario galego actual? -O sistema literario galego está condicionado pola situación de conflito na que se atopa a lingua, pero hai unha creatividade e unha diversidade de xéneros que nunca se viran. A miña visión é, en xeral, positiva. A modernidade é a marca da literatura galega.