Algún tipo de lucidez debería sinalarnos que o tempo é a fronteira final e que, mesmo antes de inventar o diñeiro, a idade xa era un asunto que marcaba ás persoas moito máis que calquera outra das súas circunstancias. E mesmo agora, nunha sociedade eufemisticamente igualadora, a idade é outra forma de clasificación. Chegar a unha idade está no centro argumental da montaxe, pero o seu motor vital vai un pouco máis alá: hai un personaxe, unha circunstancia e un conflito entre os dous. Un vello e unha residencia son a parte nominal da proposta, pero en realidade hai unha batalla moito máis vella: o sometemento e a rebeldía contra o inevitable. Lagarta, Lagarta abandona as intrigas absurdas para contar unha historia só en aparencia previsible. É un teatro que pide moverse na convención. Xoga co espectador como o autor xoga coas palabras e manexa a ironía para colocar ao público nos dilemas do protagonista. Os dous asaltos contan a historia do vello que sendo revoltoso foi disciplinado coa circunstancia, que coñecendo a batalla escolleu a derrota pero non a rendición. A potencia irónica do primeiro, a chispa dos diálogos, a decisión de non facer máis drama onde é evidente que o hai, marcan un teatro a un tempo convincente e entretido. Na segunda parte, co púxil en solitario, o ton perde carácter ou se reconduce cara á lírica. En parte tamén porque a segunda metade é a confirmación de todos os medos da primeira. As últimas lúas ten virtudes suficientes para, cando menos, asegurar dúas cousas. Hai un teatro para a clase media en Galicia. Un teatro que pode funcionar nas billeteiras, maduro, solvente, ben resolto e, sobre todo, con algo que dicir. A outra é que hai actores que sobreviven ás teleseries, que sobreviven ao encadramento e que reaparecen. O traballo de Ernesto Chao marca o carácter e alimenta a vitalidade da peza como un porteiro na certeza de que vai parar un penalti. As últimas lúas. Lagarta, Lagarta. Autor: Furio Bordon. Dirección: Xulio Lago. Estrea no Auditorio de Narón. Hoxe: Casa da cultura de San Sadurniño, 19.30. Días 3 e 4 de marzo, Salón Teatro de Santiago, 20.30.