Un galego milita na orquestra para mozos que dirixe Claudio Abbado

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN

TELEVISIÓN

O betanceiro Darío Mariño é primeiro clarinetista na Gustav Mahler Jugendorchester A formación reúne aos mellores alumnos dos conservatorios de toda Europa

15 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Gustav Mahler escribiu partes para clarinete nalgunhas das súas obras, como por exemplo a Sinfonía número 2 . Cando a Gustav Mahler Jugendorchester interpreta pezas coma esa, o instrumento fala con aire galego. O betanceiro Darío Mariño Varela é o primeiro clarinetista neste conxunto fundado en 1986 por Claudio Abbado e que forma a algúns dos mellores intérpretes novos de Europa. Darío Mariño tamén estivo acompañado un tempo polo vigués Gustavo Castro, quen agora toca a trompa na Orquesta de Extremadura. O clarinete entrou na vida de Darío Mariño un día que un dos seus mestres no colexio levou o instrumento e fíxoo soar. O rapaz continuou a súa afección na banda de música e despois profundizou nos seus estudos na Coruña. Agora, na cidade italiana de Bolzano, onde ten a súa sede a orquestra Gustav Mahler, Mariño comparte formación e inquedanzas con outros intérpretes europeos. «Aquí séntese unha idea común moi forte, hai un gran proxecto compartido», explica. «Sentinme integrado dende o primeiro minuto». O betanceiro sabe que todos os días traballa con alumnos dos mellores conservatorios de Europa, algo que lonxe de propiciar competencia, inspira un clima de cooperación, no que aprende tanto dos compañeiros como dos profesores, procedentes de orquestras como a Filharmónica de Berlín ou a London Symphony. A estadía na Gustav Mahler non só afectou á preparación musical de Darío Mariño, senón que tamén representou un «golpe de madurez». «As preocupacións que tiña desapareceron e gañei confianza para afrontar este reto como músico». A orquestra fai un par de xiras ao ano e tamén rexistra gravacións. Abbado mostra unha implicación persoal no proxecto, que goza da súa propia personalidade e do seu son, influído pola escola alemá. En consecuencia, o repertorio inclúe polo xeral pezas de Mahler, así como de Mozart, Brahms ou Brückner, un repertorio ideal para Mariño, xa que non hai composicións anteriores ao Barroco para o seu instrumento. Outros xéneros Pero esta dirección non significa que o clarinetista galego estea pechado a outros xéneros. Darío Mariño tamén gosta do jazz, consciente de que a preparación integral dun intérprete esixe escoitar moita música e ensaiar horas e horas. Sobre o futuro, amósase dubitativo, aínda que si ten en mente aspirar a algunha praza nunha «orquestra de referencia», un proxecto para o que xa conta con ter que seguir viaxando. «En España contamos con moito talento musical -afirma-, pero despois non se ve correspondido con investimentos de tempo e de formación». «Quizais nos falte a disciplina doutros países», apunta. Ademais de traballar co clarinete, Darío Mariño marcou outro reto de futuro: estudar algún día dirección musical.