O pintor de Lalín, que reside en Berlín dende hai tres anos, presenta en Madrid a súa obra máis recente, unha serie de pintura industrial sobre cartón que titula «Domus Omnia»
10 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.Antón Lamazares (Maceira, Lalín, 1954), un dos artistas galegos máis universais e dos que destacou no movemento Atlántica para permanecer e medrar como creador contemporáneo, presenta a súa obra máis recente en Madrid, na galería Álvaro Alcázar. O pintor das terras do Deza leva vivindo preto de tres anos en Berlín, pero volveu á casa polo Nadal «para ver a nai, os fillos e isas cousas», explica, e de paso para montar a exposición que se inaugura este serán e que estará aberta ate finais de febreiro, coincidindo no tempo co evento artístico máis relevante da temporada, a feira de arte Arco. -Presento dezaoito cadros dunha serie nova, feitos no 2006 e de formatos grandes e pequenos, pero dentro da miña liña de sempre, con pintura industrial sobre madeira ou cartón e o home e a terra como temas. -¿A que responde a fidelidade a eses referentes? -Son constantes que están aí, coma min. Teño pintado ao óleo, pero xa nin me lembro de cando foi iso. E o cartón e a madeira responden ao interese pola materia como parte mesma da obra. O home e a súa relación co mundo no que vive é fundamental, porque falar da humanidade, do home en xeral, é falar dun mesmo. É o meu argumento de sempre, porque responde a sentimentos eternos, que non mudan nunca sexa cal sexa o contexto no que se producen coma son o amor e o desamor, a felicidade e a desgraza, a paixón, a tenrura ou as emocións como as que espertan nun a primavera ou o inverno. E sempre están xirando arredor do home e da terra que habita. -¿Fala de todo iso nestas poéticas pinturas? -Titúlase Domus Omnia , así en latín, que significa algo así como casa de todos, ou para todos. É a miña maneira de expresar sentimentos encontrados nun mundo tan ameazado, no que por outro lado os homes loitamos por permanecer e recoñecérmonos nunha relación coa terra que habitamos, coa paisaxe. Penso seguir con esta serie, polo menos esa é a idea, aínda que nunca se sabe. -A paisaxe, e a galega en concreto, inspiroulle series ben relevantes nos últimos anos como a que lle dedicou a Rosalía. ¿A terra é unha necesidade recorrente? -Nos meus cadros sempre hai unha paisaxe de fondo, pero os desas series son paisaxes da alma, do corazón. Cando pintei Os eidos de Rosalía ou a serie de Santa Baia as emocións eran moi fortes, e por iso son cadros moi pegados á terra. Traballo moito pola noite, con luz artificial. Pero en Santa Baia foi a primeira vez que pintei ao aire libre, coa luz natural. E foi unha experiencia única, se cadra irrepetible. Será que algo ten Lalín. -¿Que será? -Unha herbiña, ja, ja, ja. Ao mellor é cousa de Ramón María Aller, o noso cura astrónomo. Non en balde foi quen lle regalou a Laxeiro os primeiros pinceis. Non cheguei a coñecelo, pero miña nai cantábame unha canción que dicía algo así: «durme meniño durme, que mentres ti dormes hai un cura santo que estuda as estrelas». Aquel curiña santo ensinounos a soñar por aquelas terras. -Xa leva un tempo en Berlín, pero tamén viviu en París, en Nova York e en Madrid. ¿É tan importante estar nas mecas da arte hoxe en día? -Estivera en Berlín no 91, pero de paso, e xa daquela había alí moitos artistas e moitos centros, museos e demais ámbitos relacionados coa arte. Agora hai máis artistas porque é unha cidade barata. Pero Berlín é unha cidade especial, e están tratando de recuperala. -¿Non pensou en traballar aquí parte do ano sequera? -Non podería traballar de maneira estable en Galicia, porque aquí non hai sitio para todos, porque somos moitos. Xa se sabe que todo home leva un artista dentro... pero a parte diso, necésitase marcar unha distancia e mirar o teu mundo dende aí, doutro punto. Pero tampouco estaba a gusto en Madrid, porque hai demasiado ruído para traballar, demasiada xente que te enreda e te lía. E en Berlín teño silencio, a parte de que é unha cidade moi culta, libre, moi aberta. Pensei que era a cidade adecuada para pasar un tempo, e xa vai para tres anos que vivo alí. «DOMUS OMNIA»: A mostra está na galería Álvaro Alcázar na rúa Hermosilla, 58 de Madrid.